Estás en:Novas

Cariño e Ortigueira acollerán o 25 de maio a media maratón “Ortegal 21k”

O evento foi presentado esta mañá na sede da Deputación nun acto cos alcaldes de Ortigueira e Cariño e o presidente da Federación Galega de Atletismo

A carreira é puntuable para o Campionato Absoluto de Media Maratón de Galicia e o Campionato de España de Media Maratón Máster

Cariño e Ortigueira acollerán o 25 de maio a media maratón “Ortegal 21k”

Os concellos de Ortigueira e Cariño acollerán o sábado 25 de maio a I edición do Ortegal 21k, unha proba de medio maratón puntuable para o Campionato de España de Medio Maratón Máster e para o Campionato Absoluto de Medio Maratón de Galicia.

A carreira, cun percorrido de 21 quilómetros con saída en Ortigueira e meta en Cariño, foi presentada esta mañá na sede da Deputación da Coruña durante un acto que contou coa presenza do presidente provincial, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, os alcaldes de Ortigueira e Cariño, Juan Penabad Muras e José Miguel Alonso Pumar, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, que destacaron a importancia dunha proba que aspira a reunir a centos de corredores de todas as idades e a consolidarse no calendario do atlestismo galego.

Os alcaldes de Ortigueira e Cariño, que serán as sedes do evento, puxeron en valor o escenario onde se disputará a carreira e afirmaron que esperan unha importante afluencia de atletas que contribúa a consolidar o evento en próximas edicións.

No Campionato de España Máster participan atletas a partir dos 35 anos. As categorías do Campionato de Galicia son sub20, sub23, sénior e máster.

A inscrición nos campionatos de España e Galicia realizarase a través do sistema online da Real Federación Española de Atletismo. As inscricións na carreira popular poden formalizarse a través da web www.carreirasgalegas.com.

Páxinas suxeridas