Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña conmemora o 9 de maio o Día de Europa

A sede da Deputación da Coruña iluminarase de cor azul para conmemorar o Día de Europa. Ademais, durante esta semana tamén penderán bandeirolas coas doce estrelas da bandeira europea

Europe Direct A Coruña conmemora o 9 de maio o Día de Europa

O Día de Europa celebra cada 9 de maio a paz e a unidade do continente. A data coincide co aniversario da histórica declaración de Schuman, ministro de asuntos exteriores francés, quen no ano 1950 propuxo unha nova forma de cooperación política en Europa que fixera impensable unha nova guerra entre as nacións europeas.
Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, ten programadas diversas actividades para conmemorar esta data. Vestir de azul o Pazo Provincial é a primeira delas. A Deputación súmase así á iniciativa impulsada pola Comisión Europea para que edificios vencellados ás institucións europeas e monumentos emblemáticos das principais cidades da UE se vistan de azul o 9 de maio. Hoxe e mañá o edificio estará iluminado de azul na fachada norte e sur e colgaranse bandeirolas azuis coas doce estrelas da bandeira europea.
Ademais, a Biblioteca Provincial da Coruña acollerá este xoves unha mesa informativa, na que os usuarios poderán dispoñer de material promocional do centro Europe Direct A Coruña, así como algunhas das principais e máis recentes publicacións da Unión Europea co obxectivo de facela máis próxima a toda a cidadanía.
Tamén este xoves, 9 de maio, celebrarase en Santiago de Compostela a xornada "Economía Circular: crecemento e emprego en Galicia e Norte de Portugal", organizada polas Redes europeas de información presentes en Galicia e Norte de Portugal. Un foro que permitirá intercambiar experiencias e boas prácticas no ámbito da economía circular que se desenvolven no noroeste peninsular, así como dar a coñecer as vantaxes económicas para unha empresa circular. O evento terá lugar de 10:30 a 14:00 horas na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (Rúa do Vilar, 54).
Por outra parte, Europe Direct A Coruña abre o hoxe o prazo para participar no VI Concurso de Fotografía "Cidadáns Europeos en Galicia" que, baixo o lema "Ponte Verde!" busca amosar os hábitos ecolóxicos que adoptamos no noso día a día. O concurso, aberto a todas as persoas residentes en Galicia maiores de idade, recoñecerá o mellor traballo cunha cámara de fotos e o segundo, cunha tableta.
Toda a información sobre as actividades relacionadas coa conmemoración do día de Europa está dispoñible na páxina web de Europe Direct A Coruña:
https://www.dacoruna.gal/europedirect