Estás en:Novas

A Deputación da Coruña licita por 405.000 euros as obras de ampliación da ponte sobre o río Gatofero, na estrada que une Santiago e Val do Dubra

A ponte actual, de só seis metros de ancho, será demolida e substituída por outra de 12 metros, que contará con beirarrúas

A Deputación da Coruña licita por 405.000 euros as obras de ampliación da ponte sobre o río Gatofero, na estrada que une Santiago e Val do Dubra

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación pública das obras de construción dunha nova ponte sobre o rego Gatofero, no punto quilométrico 19+720 da estrada provincial DP 7804 que conecta Santiago de Compostela e Val Dubra. As obras contan cun orzamento de 405.294 euros.

Este proxecto, aprobado por unanimidade polo pleno da Deputación, suporá a demolición completa da ponte actual, con só 6 metros de ancho que resultan insuficientes para a nova sección do vial, e a construción dun novo viaduto de 12 metros de ancho, dos que 9 serán de calzada e 3 de beirarrúas, que se situarán en ambas as dúas marxes.

A nova estrutura consistirá nunha ponte de 25 metros de lonxitude total con catro vigas dobre T dispostas sobre un único vano. Sobre elas executarase unha lousa de formigón armado executada in situ de 25 cm de espesor.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas até o vindeiro 3 de xuño.

1,2 millóns para ampliar a estrada DP 7804

Esta actuación forma parte dun proxecto integral de mellora integral da seguridade viaria nesta estrada, entre os puntos quilométricos 18+690 e 22+223, no termo municipal de Santiago de Compostela, que suporá un investimento de 1.260.761 euros (913.410 para financiar as obras e 347.351 € para as expropiacións necesarias para a realización dos traballos).

O proxecto, actualmente en fase de expropiación, comprende un tramo de 3,5 quilómetros cun elevado volume de tráfico que conecta o núcleo compostelán de Miramontes coa intersección da estrada DP-0701.

Suporá a ampliación da plataforma da vía ata os 9 metros (7 metros de calzada e 1 metro de beiravía en cada unha das marxes), a mellora do trazado en determinadas curvas e a pavimentación do tramo con macadam e lastro artificial, ademais da instalación dun sistema de drenaxe lonxitudinal con tubo de formigón, sistema de recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotación de nova sinalización horizontal e vertical.

Ampliación da ponte sobre a vía do tren en Vedra

A Deputación da Coruña vén tamén de publicar a licitación das obras de ampliación da ponte sobre a liña de ferrocarril, na DP-8901 de Gaiosa á Ponte Sarandón, no concello de Vedra.

Estas obras, que contan cun orzamento de 104.759,62 euros, permitirán duplicar o ancho da plataforma, pasando de 6 a 12 metros. A estrutura quedará dividida en dous carrís de circulación de 3,5 metros, beiravías de 05 e beirarrúas de 2 metros.

Deste modo, adaptarase a ponte ao ancho actual da calzada e facilitarase o tránsito do tráfico de vehículos pesados que xera o Polígono Industrial de Vedra.

O prazo para presentar ofertas remata tamén o vindeiro 3 de xuño.

Páxinas suxeridas