Estás en:Novas

A "Lingua de Ouro" porá o feche final ás Malas linguas da Deputación da Coruña no Festiletras de Ponteceso

O martes día 14 desenvolverase un epílogo ás xornadas de debate e reflexión en torno á normalización lingüística que comezaron o pasado mes de outubro

A

A primeira edición do programa Malas linguas: activando falantes para o século XXI chega ao seu fin este vindeiro martes 14 de maio coa celebración da Lingua de Ouro no marco da 37ª edición do Festiletras, en Ponteceso, coincidindo coas conmemoracións arredor do Día das Letras Galegas. Será na Fundación Eduardo Pondal desde as 9:30 horas e contará unha vez máis coa presenza do persoal técnico de Normalización dos concellos da Coruña e daquelas persoas que queiran sumarse a esta reflexión colectiva en torno aos prexuízos e ás violencias no uso do galego na procura de camiños de traballo en común.

"A área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña colabora coa organización do Festiletras e consideramos que era un excepcional marco para o peche de ouro para as xornadas Malas Linguas", sinala a vicepresidenta e responsábel da área na Deputación, Goretti Sanmartín Rei. Tendo en conta este contexto, na derradeira sesión haberá unha mesa de debate e reflexión a redor da función da literatura na normalización lingüística. As relatoras falarán do contributo dos seus traballos literarios ao espallamento do galego e á loita contra os prexuízos, ofrecendo ideas ás institucións para apoiar iniciativas como as súas.

Programa da xornada

Ás 9:30 horas recepción e apertura das xornadas na Fundación Eduardo Pondal (Couto, 62, Ponteceso) e ás 10:00 horas dará comezo a mesa de debate baixo o título Voces poéticas para a normalización lingüística. Participa a regueifeira Alba María, o contador Celso F. Sanmartín, e Dores Tembrás de Apiario Editora.

Logo dunha pausa para o café, ás 12:00 horas presentarase a publicación Malas linguas, activando falantes no século XXI. Textos e vídeos que serven de resumo a esta primeira experiencia afondando nas diferentes perspectivas de análise na situación actual do uso do galego. Ás 12:30 horas abriremos un espazo de posta en común coas persoas asistentes para establecer xeitos de levar todas as reflexións ao seu posto de traballo como técnicas. Ás 14:30 horas rematará a xornada cun xantar popular.

Sobre Malas linguas

O obxectivo principal de Malas linguas, que veu celebrando catro xornadas desde outubro (en Mariñán, A Coruña e Compostela) foi facer visibles as violencias coas que ten que enfrontarse o uso do galego. Analizar desde visións diferentes -psicolóxica, sociolóxica, sociolingüística, entre outras- a realidade da lingua e artellar o xeito de ampliar o argumentario para facerlles fronte, tramando novas estratexias para activar falantes a través de experiencias que xa están dando os seus froitos.

En palabras da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, son unhas xornadas que procuran «contribuír a abrir un espazo de debate sobre as linguas e afondar na necesidade de que o Estado sexa de verdade democrático e plurilingüístico para que todas as persoas poidan vivir e traballar na súa propia lingua».

Podedes obter máis información sobre Malas linguas e o programa completo na páxina web da Deputación, www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas