Estás en:Novas

A Deputación prorroga ata 2020 o contrato co centro especial de emprego Combina Social, do Grupo COGAMI, para a xestión das visitas ao Pazo de Mariñán

Dúas persoas con discapacidade contan cun emprego acompañando e informando aos visitantes sobre a historia dos pazo e os segredos que garda

O Pazo, que recibiu 19.000 visitas o ano pasado, sitúase como un dos principais atractivos patrimoniais da Deputación

A Deputación prorroga ata 2020 o contrato co centro especial de emprego Combina Social, do Grupo COGAMI, para a xestión das visitas ao Pazo de Mariñán

Deputación da Coruña vén de prorrogar o contrato da empresa Combina Social, centro especial de emprego xestionado polo grupo COGAMI, que dende o ano 2016 vén atendendo as visitas guiadas ao Pazo de Mariñán.

O contrato, que se estende ata o 30 de maio de 2020, supón un investimento de 30.000 euros e permite a dúas persoas con discapacidade contar cun emprego fixo remunerado acompañando e informando ás miles de visitas que cada ano rexistra o pazo da historia do inmoble e os numerosos bens culturais e patrimoniais que albergan entre as súas paredes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o "gran traballo" que realizan as persoas a cargo deste servizo, que se plasma nas 19.000 persoas que o ano pasado visitaron Mariñán e que o converten nun dos principais atractivos patrimoniais que ofrece a Deputación, xunto con outras "xoias etnográficas" recuperadas pola institución provincial coma o mosteiro de Caaveiro, un cenobio do século X enclavado nun promontorio no corazón das Fragas do Eume, ou o dolmen de Dombate, considerado "a catedral do megalistismo galego".

Explicar a historia do pazo e dos xardíns de Mariñán

Da man destes guías especializados, os visitantes descobren a singular arquitectura do pazo e os seus xardíns, con 172.000 m2 de extensión, onde se conservan diversas especies e árbores senlleiras e centenarias, coma os primeiros eucaliptos de Europa, enviados polo bispo galego, natural de Tui frei Rosendo Salvado, que ocupaba a diocese de Nova Nursia en Australia.

No xardín hai un pequeno embarcadoiro que ademais de ser utilizado como lugar de lecer servía, a señores e serventes do pazo para atravesar a ría antes da construción da ponte do Pedrido. A partir de 1997, a Deputación creou nesta zona o "Xardín da Palabra", no que ilustres visitantes como Mario Benedetti, Ian Gibson, Camilo José Cela ou José Hierro, plantaron unha árbore e ó seu pé deixaron para o futuro unha mensaxe.

A colección artística

Os guías encárganse tamén de explicar aos visitantes a ampla colección artística que o Pazo garda no seu interior, onde se custodia unha significativa pinacoteca, maioritariamente de autores galegos, verdadeira antoloxía sobre todo dos séculos XIX aos nosos días. Así é que polas súas dependencias repártense obras de autores novecentistas, modernistas e renovadores.

Entre as obras máis antigas destaca unha táboa de estilo flamenco procedente do Hospital de Peregrinos en Compostela, actualmente Hostal dos Reis Católicos. Trátase dun frontal do século XVI, atribuído a Francisco Gallego.

É notable a colección de obras de pintores do XIX, de inspiración romántica, de temática historicista ou costumista coma Modesto Brocos, Román Navarro, Dionisio Fierros, Jenaro Carrero, Ovidio Murguía Castro, malogrado pintor, fillo de Rosalía Castro... algúns deles mestres ou coñecidos do neno Pablo Ruiz Picasso nos seus anos de estudio na Coruña. Do século XX, nese abrir ás procuras, aos "ismos" merece destacar a obra de Villafinez, Álvarez de Sotomayor, LLoréns, Seijo Rubio, Juan Luis, de José María Labra, Fernández Sánchez, Isaac Díaz Pardo, entre outros.

Tamén están representados destacados pintores non galegos como Ángel Andrade, Rafael Torre ou Tomás Moragas, con cadros cedidos en depósito polo Museo do Prado, que lograron merecidos premios nas Exposicións Nacionais de Arte.

Páxinas suxeridas