Estás en:Novas

O Plan de Emprego da Deputación financia a contratación de catorce traballadores no Concello de Malpica

O BOP publica hoxe as bases do programa PEL-Concellos para a selección dun oficial de segunda albanel, tres peóns albaneis e dez peóns de medio ambiente no Concello de Malpica de Bergantiños

O Plan de Emprego da Deputación financia a contratación de catorce traballadores no Concello de Malpica

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do proceso selectivo para a contratación de 14 traballadores no Concello de Malpica de Bergantiños. As prazas corresponden a un oficial de segunda albanel, tres peóns de albanel e dez peóns de medio ambiente, cuxos custos laborais e de seguridade social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos).

Os catorce operarios seleccionados, que deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas, realizarán obras e traballos de acondicionamento e mellora de diversas áreas e zonas verdes de titularidade municipal. Estes traballos incluirán o mantemento de camiños e vías de acceso municipais a distintos núcleos de poboación do concello, a limpeza de cunetas, mantemento de rede de sumidoiros e iluminación pública ou a reparación de parques públicos, áreas recreativas e instalacións deportivas.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que  remataran favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas

Páxinas suxeridas