Estás en:Novas

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de nove traballadores no Concello da Laracha

O BOP publica hoxe as bases do programa PEL-Concellos para a selección de sete peóns e dous capataces, que integrarán unha brigada de obras

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de nove traballadores no Concello da Laracha

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do proceso selectivo para a contratación temporal de 9 traballadores no Concello da Laracha. As prazas corresponden a sete peóns e dous capataces, cuxos custos laborais e de seguridade social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos).

Os nove operarios seleccionados, que serán contratados cunha xornada semanal de 30 horas durante cinco meses, realizarán obras e traballos de acondicionamento e mellora de diversas infraestruturas titularidade municipal. Estes traballos incluirán o mantemento de camiños e vías de acceso municipais a distintos núcleos de poboación do concello, a limpeza de cunetas, instalación de sinais, pintado dos pasos de peóns, mantemento de beirarrúas, rede de saneamento e alumeado público ou a reparación de parques públicos, áreas recreativas e instalacións deportivas.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Páxinas suxeridas