Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación destina preto de 160.000 euros para a construción dunha senda peonil entre O Vilar e As Rabuceiras (Malpica)

Remata o prazo de licitación das obras, que contribuirán a mellorar a seguridade peonil no tramo Vilar-As Rabuceiras da estrada AC-414, nun tramo onde non existen beirarrúas

O Plan Único da Deputación destina preto de 160.000 euros para a construción dunha senda peonil entre O Vilar e As Rabuceiras (Malpica)

O Plan Único da Deputación da Coruña financia con preto de 160.000 euros as obras de construción de dúas sendas peonís na marxe dereita e esquerda da estrada AC-414 ao seu paso polos núcleos do Vilar e As Rabuceiras, no termo municipal de Malpica.

Estes días remata o proceso de licitación pública das obras, que contemplan a construción dun tramo de senda peonil de medio quilómetro na marxe esquerda do vial, entre os pk 7+220 (O Vilar) e o 7+735 (As Rabuceiras) e outro na marxe dereita, que discorrerá entre os PK 7+540 e 7+725, contribuíndo así a garantir a seguridade dos peóns nun tramo que carece de beirarrúas ou pasos seguros para os veciños, a pesar de tratarse dunha estrada con características de travesía urbana, onde se localizan numerosas vivendas.

As novas sendas discorrerán de forma paralela á calzada, cun ancho de dous metros e bordo de seguridade, que se rebaixará nas zonas de acceso ás vivendas particulares. O firme será de aglomerado pintado en cores claras, para diferencialo adecuadamente da calzada

O proxecto contempla tamén a creación de novas prazas de aparcamento para vehículos.

Páxinas suxeridas