Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 200.000 € para a remodelación da praza e parque infantil xunto á igrexa de Vilaboa, en Culleredo

A institución provincial achega tamén 70.000 euros para que o centro ocupacional "A Escada" para persoas con discapacidade intelectual siga prestando servizo á área metropolitana coruñesa

Valentín González Formoso e José Ramón Rioboo asinaron hoxe os convenios de colaboración entre ambas administración

A Deputación da Coruña destina 200.000 € para a remodelación da praza e parque infantil xunto á igrexa de Vilaboa, en Culleredo

Os veciños e veciñas de Vilaboa, un dos núcleos urbanos con máis poboación do municipio de Culleredo, contarán cun dos seus principais espazos públicos remodelados polo convenio asinado hoxe entre a Deputación da Coruña e o Concello de Culleredo. Trátase da praza e parque infantil situados xunto á igrexa de Vilaboa, que verán renovada a súa estética e prestacións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, asinaron hoxe o acordo. A institución provincial achegará 200.000 euros de investimento, o que supón un 74% do orzamento, establecido en 269.898,80 euros.

O proxecto consistirá na renovación dos 2.963 metros cadrados de superficie da praza e o parque infantil. Na praza renovarase o firme e acometerase un redeseño da súa configuración actual para acadar unha maior integración estética na contorna.

O espazo contará, ademais de con novo firme, coa dotación de zonas verdes, mobiliario urbano e superficies de recreo, coa marcaxe dunha zona deportiva no recinto. Tamén será mellorado o sistema de drenaxe de auga da praza.

O parque infantil será transformado ao completo. Instalaranse xogos novos, de diferente tipoloxía e características, para atender os intereses dos diferentes rangos de idade. Terá novo solo de caucho, mobiliario urbano, peche e cartel informativo.

A zona de actuación é o principal punto de encontro no centro de Vilaboa, cun uso diario polos veciños e veciñas. A praza acolle asemade no verán as tradicionais festas parroquiais. Coa proxecto, a Deputación e o Concello poñerán os medios para que Vilaboa conte cun espazo público renovado e adaptado ás necesidades da cidadanía.

Centro ocupacional "A Escada"

González Formoso e Rioboo, xunto coa deputada responsable de área de Benestar Social, Ánxela Franco, asinaron tamén o convenio para financiar o mantemento de cinco prazas no centro ocupacional "A Escada" para persoas con diversidade funcional intelectual procedentes dos concellos da área metropolitana da Coruña: Sada, A Coruña, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo e Cerceda. A Deputación contribúe con 70.000 euros ao mantemento do centro.

Deputación da Coruña e Concello de Culleredo coincidiron en destacar a importancia da formación para a integración social e laboral das persoas con discapacidade e a promoción da igualdade de oportunidades.