Estás en:Novas

A Deputación da Coruña avanza na candidatura da Costa da Morte para Reserva Mundial do Surf cunha xuntanza no Museo de Man de Camariñas

Á reunión asistiu o representante da ONG, Save the Waves Coalition, Tony Butt

A Deputación da Coruña avanza na candidatura da Costa da Morte para Reserva Mundial do Surf cunha xuntanza no Museo de Man de Camariñas

O Museo de Man de Camariñas acolleu a ultima reunión da primeira fase da candidatura do xeodestino Costa da Morte como 'World Surfing Reserve', coa presencia do representante da ONG Save the Waves Coalition, Tony Butt. O grupo promotor do proxecto está impulsado pola Deputación da Coruña e nel participan representantes de diversos organismos e entidades do sector.

Na xuntanza de Camariñas, o representante da ONG 'Save the Waves Coalition', Tony Butt, explicou os obxectivos e implicacións do Programa WSR, presentouse a Carta de Candidatura aos membros da Xunta Xeral, e finalmente os asistentes fixeron unha visita conxunta á praia do Trece e o Cemiterio dos Ingleses. A acción busca sentar as bases para lograr o impulso deste deporte no xeodestino Costa da Morte, a través da protección e posta en valor das ondas, que consiga sentar as bases para avanzar no artellamento dun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf. De conseguir a Declaración, Costa da Morte pasaría a ser a Reserva Mundial de Surf número doce, sendo a demais a primeira do Estado español, e a segunda de Europa.

Á reunión celebrada no Museo de Man asistiron arredor dunha trintena de persoas, o deputado de Turismo, Xosé Regueira e representantes do seu departamento da Deputación da Coruña, dos distintos concellos involucrados, asociacións turísticas do territorio e entidades sectoriais de surf. A xuntaza foi a última antes da presentación da Carta de candidatura ante o organismo "Save the Waves", coa que finaliza esta primeira fase do proxecto.

Contouse ademais coa presencia do representante da ONG 'Save the Waves Coalition', Tony Butt, que explicou os obxectivos Programa WSR, detallou os pormenores do proceso de Candidatura, e exemplificou co caso das once reservas Mundiais de surf xa declaradas os beneficios e implicacións que conleva a Declaración para os territorios onde se produce.

Posteriormente, foi presentado aos membros da Xunta Xeral o texto definitivo da Carta de Candidatura de Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf por parte do Deputado Provincial de Turismo, Xosé Regueira, que quedou aprobado para a súa entrega á entidade neste mes.

A Carta, tal e como a entidade establece, presenta as fortalezas da Costa da Morte nos catro bloques de contidos establecidos: a calidade e consistencia das ondas, a cultura e historia do surf no territorio, as características ambientais únicas do medio e o apoio local á candidatura, para o cal se ten constituído o Grupo Promotor, que integra representantes de organismos públicos e grupos de interese sectoriais . Así, este documento é o resultado dun ambicioso traballo levado a cabo nos últimos meses, pois ademais de presentar dunha forma sintáctica os principais valores do territorio deberá amosar a capacidade de goberno e apoio local á declaración que, de ser outorgada, se traduza nunha adecuada xestión e coordinación da Reserva a longo prazo.

A Xornada rematou cunha visita á praia do Trece e o Cemiterio dos Ingleses, acompañados das explicacións históricas previas do escritor Rafael Lema Mouzo sobre os naufraxios na Costa da Morte e as lendas asociadas a esta mítica terra, e unha comida conxunta.

Esta é una acción que busca sentar as bases para lograr o impulso deste deporte no xeodestino Costa da Morte, a través da protección e posta en valor das ondas, que consiga sentar as bases para avanzar no artellamento dun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf. De prosperar, convertería a este territorio na segunda Reserva Mundial de Surf declarada en Europa, tras da portuguesa Ericeira, e na doceava a nivel mundial.

Páxinas suxeridas