Estás en:Novas

A Deputación da Coruña completa con tres novas furgonetas o programa de renovación de vehículos

Completa o programa polo que se renova o parque móbil de catorce entidades do sector

A Deputación da Coruña completa con tres novas furgonetas o programa de renovación de vehículos

Coa entrega de tres novas furgonetas, a área de Igualdade e Benestar Social completa o programa de renovación de vehículos adaptados que supuxo unha renovación do parque móbil de catorce entidades sociais. Representantes de Grumico da Coruña, Andaina Pro Saúde Mental de Santiago e Misela de Noia e Muros recolleron os vehículos cedidos pola Deputación da Coruña.
A deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, fixo hoxe entrega de tres furgonetas adaptadas de 9 prazas cada unha con plataformas eléctricas ás entidades Grumico da Coruña, Andaina pro Saúde Mental de Santiago e Misela de Noia e Muros adquiridos os tres por un importe de 82.000 €.


A dotación forma parte da liña de subvencións en concorrencia competitiva pola que a área de Benestar Social e Igualdade outorga en total 14 vehículos adaptados dos que con anterioridade se entregaran xa 11 que resultaron da primeira adxudicación. Estas tres novas furgonetas foron adquiridas coas baixas no contrato e adxudicadas por orde de puntuación na lista de agarda da convocatoria. "Esta nova liña de axudas responde a unha necesidade que fora manifestada polas propias entidades xa que, para elas, é de especial importancia contar con transportes adaptados para o traslado das persoas usuarias. Esta primeira convocatoria supón a renovación do parque móbil de catorce entidades e a mellora do seu funcionamento e da comodidade das persoas ás que atenden", sinala a deputada Ánxela Franco.


O Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa en defensa dos dereitos e intereses das persoas con discapacidade para a inclusión social. Misela leva vinte e cinco anos prestando servizos na comarca de Noia e Muros e Andaina Pro Saúde Mental atende a persoas con problemas de saúde mental das zonas rurais próximas a Santiago de Compostela.


A través deste programa de subvencións, a Deputación da Coruña subministra un total de catorce vehículos adaptados a outras entidades sen ánimo de lucro a provincia. Con anterioridade, foran entregados os correspondentes á Asociación Nosa Señora de Chamorro, a Asociación de Discapacitados da Comarca de Muros, Asociación de persoas con discapacidade Avante; Asociación de persoas con discapacidade e apoio á integración das comarcas de Arzúa e Terra de Melide (Amarai), Asociación Discapacitados Terra de Muros, Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, Asociación Pais Def. Físicos e Psíquicos Comarcas Xallas-Cee, Asociación Pro Saúde Mental A Creba, Asociación Porta Nova, , Asoc. Íntegro P/ Diversidade Funcional comarca Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra e Asoc. de Pais de Persoas con Parálise Cerebral.

Páxinas suxeridas