Estás en:Novas

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña convoca un concurso de fotografía para dar visibilidade aos hábitos ecolóxicos da vida cotiá

Os traballos poden presentarse ata o 11 de xuño e os premios consistirán nunha cámara de fotos e unha tableta

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña convoca un concurso de fotografía para dar visibilidade aos hábitos ecolóxicos da vida cotiá

O centro Europe Direct A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, organiza a VI edición do concurso de fotografía "Cidadáns europeos en Galicia", que baixo o lema "Ponte Verde!" busca mostrar os hábitos ecolóxicos que adoptamos no noso día a día.

Os interesados en participar deben enviar ao correo electrónico ciudadanoseuropeosengalicia@gmail.com unha ou varias fotografías que reflictan os cambios que se adoptan na vida diaria para reducir os residuos e facer un uso máis responsable dos recursos.

O gañador deste concurso será premiado cunha cámara de fotos, mentres que o autor do segundo mellor traballo recibirá unha tableta.

O prazo de presentación está aberto ata o 11 de xuño ás 14 horas, e poderán participar todos os residentes en Galicia, maiores de 18 anos.

As fotografías deberán enviarse en formato JPG e cunha resolución mínima de 300 píxeles, indicando que se presentan para o concurso de Europe Direct A Coruña e cunha breve descrición sobre o que representa a fotografía.

Toda a información está dispoñible en www.dacoruna.gal/europedirect.

Páxinas suxeridas