Estás en:Novas

A Deputación da Coruña acolle o 11 de xuño unha charla-coloquio do atleta cubano Alberto Juantorena

Un dos grandes mitos da historia do atletismo relatará na Coruña as experiencias da súa carreira deportiva

A Deputación da Coruña acolle o 11 de xuño unha charla-coloquio do atleta cubano Alberto Juantorena

Alberto Juantorena, un dos grandes mitos da historia do atletismo mundial de todos os tempos, estará na Coruña o vindeiro 11 de xuño.

A Deputación da Coruña e a Federación Galega de Atletismo organizan o vindeiro martes 11 de xuño, ás 19.00 horas, na sala Juanjo Gallo da sede da institución provincial, unha charla-coloquio a cargo do exatleta cubano e dobre campión olímpico.

Baixo o título "Vivencias dun mito do deporte", Alberto Juantorena, actualmente vicepresidente da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAAF) relatará as experiencias da súa carreira deportiva. Especialista en probas de 400 e 800 metros, Juantorena foi o primeiro atleta que conseguiu proclamarse campión olímpico de ambas especialidades nos Xogos Olímpicos de Montreal 1976, un fito que ninguén conseguiu igualar até o día de hoxe.

A charla será aberta a a atletas, deportistas, adestradores, directivos, xuíces, afeccionados, prensa e todos cantos gusten de presenciar a viva historia dun dos grandes iconas e máximos referentes do atletismo de todos os tempos.

Por razóns de espazo, para asistir ao acto é necesario inscribirse previamente no formulario que pode atoparse na web da Federación Galega de Atletismo www.atletismo.gal

Ligazón para inscricións:

https://atletismo.gal/2019/05/29/alberto-juantorena-ofrecera-unha-charla-na-coruna/

Páxinas suxeridas