Estás en:Novas

A Deputación da Coruña súmase á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente

A sede da Deputación ilumínase de verde esta noite

O Goberno provincial impulsou numerosas medidas para a mellora do medio natural e a calidade ambiental nos concellos coruñeses

A Deputación da Coruña súmase á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente

A sede da Deputación da Coruña ilumínase esta noite de verde para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, unha celebración auspiciada pola Organización das Nacións Unidas desde 1972

Cada Día Mundial do Medio Ambiente céntrase nun tema con que concienciar ao público sobre un asunto ambiental particularmente urxente. O tema para 2019 xira ao redor da "Contaminación do aire", unha chamada á acción con que axudar a combater un grave problema que afecta a millóns de persoas en todo o mundo.

Coa elección deste tema, o Día Mundial do Medio Ambiente convídanos a considerar os cambios que podemos facer no noso día a día para reducir a contaminación do aire que xeramos na nosa vida cotiá. O obxectivo é, nin máis nin menos, que eliminar de forma progresiva a nosa contribución individual ao quecemento global e, deste xeito, deter os seus perniciosos efectos na nosa saúde, e a do planeta.

Compromiso da Deputación coa preservación do Medio Ambiente

A Deputación da Coruña impulsou nos últimos anos numerosas medidas neste ámbito, como o fomento do aforro enerxético e da redución das emisións de CO2 nos concellos da provincia, o impulso á mobilidade sostible con proxectos coma a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, a Vía Verde Santiago-Cerceda e as Sendas dos Faros; programas coma o PMA (Plan de Medio Ambiente), que permitiu o financiamento de 159 accións de mellora natural e a calidade ambiental nos 93 concellos coruñeses ou a campaña de limpeza de praias, na que a Deputación inviste cada ano preto de 1 millón de euros para axudar a que os areais coruñeses estean cada día en óptimas condicións durante a tempada estival.

A institución provincial coruñesa apoia tamén ás entidades asociativas sen ánimo de lucro da provincia que traballan na conservación do medio ambiente a través de diferentes programas de subvencións para o financiamento de proxectos e actividades neste eido.