Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o Festival de Ortigueira que este ano fai unha chamada ás oito nacións celtas

A Deputación da Coruña apoia o Festival de Ortigueira que este ano fai unha chamada ás oito nacións celtas

 

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira desenvolverase do 11 ao 14 de xullo nunca nova edición que responde ao lema   #OitoNacionsUnhaCultura cunha chamada especial a Asturias, Escocia, Irlanda, Bretaña, Gales, Cornualles e a illa de Man. Conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da liña de axudas a festivais. 

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, participou no acto de presentación dunha nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira xunto co tamén deputado e alcalde do concello, Juan Penabad e distintos responsábeis das entidades patrocinadoras do evento.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín destacou que o de Ortigueira é un topónimo xa vinculado á música, festa e encontros a través do festival, igual que outros nomes de lugares están vinculados a accidentes xeográficos ou acontecementos históricos como a Costa da Morte ou Pisa. Destacou tamén "o compromiso da Deputación coa cultura e co Festival como elemento de dinamización a nivel cultural e turístico. Un encontro de xente e unha mestura de concertos cunha programación á altura do que todo o mundo espera do festival".

"Ortigueira evoca baile, música, festa, raíces, identidade, celtismo, todo xa conseguido e integrado no tecido social. Lugar de encontro, referencia, e interrelación onde a nosa cultura fala de ti a ti con outras culturas do mundo", sinalou Goretti Sanmartín, nunha intervención en que lembrou a deputada recén falecida Ánxela Franco que, segundo dixo, na súa memoria evocará sempre o concello de Porto do Son. Finalmente, parabenizou a organización polo magnífico programa e o concepto de identidade e da potencia feminina coa participación de músicas como Leilía ou Tanxugueiras.

O alcalde de Ortigueira e tamén deputado, Juan Penabad, agradeceu un ano máis "a colaboración institucional pública e privada dos patrocinadores que fan posible que o Festival Internacional do mundo celta manteña este nivel de calidade". Resaltou "o labor dos medios de comunicación, para dar a coñecer o programa musical e de actividades do Festival Internacional Celta". Afirmou tamén que seguirán "esforzándose para manter vivo e en progresiva evolución un evento de tanta relevancia, ao que acudiron máis de setenta mil persoas nas últimas edicións".

"Desestacionalizar o festival, co festival no teatro durante todo o ano, cada mes haxa eventos que encadeen edición tras edición. Volver á orixe, á esencia do festival, a unión dun pobo a unha cultura que nos vincula desde hai séculos á cultura celta.", explicou ao tempo que fixo referencia á orixinalidade do cartel, deste ano que responde ´á idea de unión cultural das 8 nacións celtas, Galiza, Asturias, Escocia, Irlanda, Bretaña, Gales, Cornualles e a illa de Man, ás que desde o festival se fai este ano unha chamada especial para celebrar un encontro de irmandade en Ortigueira.

Na presentación participaron tamén o, responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán, o director de marketing de Gadisa, Antonio Cortés, o coordinador de negocio institucional de Abanca, José Manuel Vilariño, a secretaria territorial da Xunta na Coruña, Patricia Rodríguez e o coordinador do festival, Alberto Balboa.

Pódese consultar o programa na seguinte ligazón: https://festivaldeortigueira.com/