Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora coa terceira edición do Fisterra Blues

A Deputación da Coruña colabora coa terceira edición do Fisterra Blues

 

O Fisterra Blues Experience desenvolverase o venres 28, sábado 29 e domingo 30 de xuño cun programa con algúns dos máis destacados nomes do blues que foi presentado hoxe nun acto que contou coa participación da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, interveu no acto de presentación da terceira edición do festival Fisterra Blues Experience que tivo lugar no hotel Bela Fisterra e no que tamén participaron Javier Turnes, director artístico do festival; Kuka Sar, tenente de alcalde de Fisterra; José Marcote, alcalde de Fisterra ademais do poeta Suso Bahamonde e Lucía Oca, unha das rapazas que están a participar no Blues na Escola, unha das actividades relacionadas que xa está en marcha.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín destacou o interese do festival que converte Fisterra e a Costa da Morte en "capital do blues", unha condición a incorporar ás moitas cualidades que esta terra ten para ser visitada. Segundo explicou, o Fisterra Blues é un dos 63 festivais que toman parte das dúas liñas de axuda promovidas pola Deputación da Coruña e, neste caso, naceu xusto cando se estaba deseñando esta nova política de xestión de axudas públicas. "O Fisterra Blues naceu xa con esta maneira de facer política cultural, cun reparto xusto e obxectivo. Trátase dun festival novo e con identidade propia, unha maneira de ser que identifica e está a imprimir a súa marca tamén en Fisterra, con ese atinado título que mestura o topónimo co tipo de música á que se consagra o festival", afirmou ao tempo que recoñeceu a calidade dunha programación destinada tamén a ampliar públicos con novos formatos, de maneira destacada, o máis pequeno coa sección de Blues na Escola do que este ano participan rapazas e rapaces a quen convidou a "participar no concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil en galego no que na anterior edición tivemos a sorte de contar coas Fantásticas de Fisterra interpretando precisamente un blues", lembrou.

No programa do Fisterra Blues participarán figuras internacionais como Rockin' Johnny Burgin (EEUU) ou Morgane Ji (Illa Reunión); destacados membros da escena estatal como Los Deltonos, Tonky Blues Band ou Quique Gómez & Curro Serrano; e grandes do blues galego como Marcos Coll Band (residente en Berlín), The Soul Jacket, Andhrea & The Black Cats, Willy & Winnie, Zeltia e Víctor Aneiros.

A presenza galega será, coma sempre, importante. Alén de Marcos Coll e Víctor Aneiros (xa anunciado anteriormente), estarán os vigueses The Soul Jacket, que regresan con novo disco, 'Plastic Jail' (2018), no que reinventan a súa fórmula inimitable de Rhythm & Blues, Rock & Roll e Southern Soul. Tamén estará a banda compostelá Andhrea & The Black Cats co seu son que arrecende a Nova Orleáns; o dúo ferrolán Willy & Winnie, que transita do jazz ao rock, pasando polo folk e o blues; e Zeltia, outro dúo que nos trae folk-rock e blues mesturado con outros sons máis acústicos e tribais. Sen esquecer a Fisterra House Band, a nosa banda residente.

Alén dos concertos como formato clásico, o festival volve apostar por unha interesante programación paralela con múltiples actividades, na que volverá repetirse taller de baile con Compostela Swing, Blues na Escola, concertos en barco, jam sessions e máis actividades, como o pasarrúas dunha banda que xoga na casa, os Rapacollóns.

Os nenos e nenas son un dos públicos preferidos e para organízase o Blues na Escola. Máis de 70 rapazas e rapaces xa están a participar nos cinco obradoiros arredor do blues en cinco centros docentes: dous de educación primaria, dous centros de educación secundaria e a Escola Municipal de Música de Cee. O proxecto está coordinado por Xabier Mera e Iván Arceo.

Slam poética

Antes de cada concerto, a modo de previa, haberá unhas intervencións poéticas de autores da Costa da Morte. A idea é conectar a poética galega co blues por medio de lugares comúns, como poden ser a temática da que tratan: A nostalxia do tempo pasado, a perda, o amor, a terra, a morriña, a viaxe, etc... Un diálogo entre dous poetas, a modo de verso. Os poetas participantes son, por parellas. David Creus - Estevo Creus; Suso Bahamonde - Álex López; Rosalía Fernández Rial - Elena Busto; e Leo Kch - María Lado.

O programa completo pódese consultar en:  http://fisterrablues.gal/

Páxinas suxeridas