Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora con UNICEF para paliar o impacto do ciclón Idai en Mozambique

UNICEF Comité Galicia e a Deputación asinan un convenio para facilitar o acceso a auga potable, educación ou sanidade da poboación afectada

A Deputación da Coruña colabora con UNICEF para paliar o impacto do ciclón Idai en Mozambique

A Deputación da Coruña contribuirá ao traballo de UNICEF para facilitar o acceso a auga potable, educación ou sanidade da poboación afectada polo paso do ciclón tropical Idai en Mozambique, en virtude dun convenio asinado hoxe entre as dúas institucións.
A Deputación comprométese a achegar 10.000 euros para que UNICEF contribúa a restablecer subministracións de auga potable e distribuír kits de educación, vacinas contra o cólera ou mosquiteiras para previr a malaria en Mozambique.
O ciclón Idai provocou o pasado mes de marzo, ao seu paso por Mozambique, Zimbabwe e Malawi, fortes choivas e inundacións que afectaron a case tres millóns de persoas, dos que a metade eran nenos e nenas.
En Mozambique, onde o impacto foi maior, hai 1,85 millóns de persoas damnificadas, incluíndo ao redor dun millón de nenos. Máis de 3.300 aulas quedaron esnaquizadas, 54 centros de saúde danados e case 85.000 vivendas presentan danos parciais ou están totalmente destruídas, ademais de deixar sen electricidade e liñas de comunicación a máis de medio millón de persoas.
O acordo de colaboración subscrito hoxe,nun acto no que participaron a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito e o presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González, enmárcase dentro das políticas de axuda humanitaria e de emerxencia da institución.
"En moitas comunidades afectadas a poboación non ten acceso a auga segura, o que aumenta o risco de enfermidades transmitidas pola auga. Agradecemos que a Deputación da Coruña colabore unha vez máis con UNICEF para dar resposta ás necesidades que se derivan tras un desastre natural", destacou Garabito.
Acerca de UNICEF
UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes.