Estás en:Novas

O Consello de Dirección do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal concreta as primeiras liñas de traballo

Impulsará unha campaña de sensibilización e formación local e implicará ás entidades locais na difusión da iniciativa

O Consello de Dirección do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal concreta as primeiras liñas de traballo

Despois dunha nova reunión celebrada en Moeche, o Consello de Dirección do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal concretou as primeiras liñas de traballo que pasan por camiñar cara unha maior implicación social na iniciativa e sumar sinerxias para afortalar a candidatura. Tras o éxito das I Xornadas do proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal que tiveron ao longo da pasada fin de semana, a xuntanza do Consello de Dirección que este ano preside a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, avanzou na elaboración no plan de formación e sensibilización local.

Presidida pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy e o deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e os alcaldes das localidades do territorio desenvolveuse en Moeche a cuarta xuntanza do Consello de Dirección do xeoparque do Cabo Ortegal en que se avanzou no plan de formación e sensibilización social e, de maneira especial, no programa de difusión en centros de ensino e implicación no ámbito do desenvolvemento local.

"Este ano vai ser fundamental á hora de intensificar a implicación social do proxecto de xeoparque e, neste sentido, comezaremos a traballar nos centros de ensino para que coñezan a iniciativa e tamén en desenvolvemento local a través do tecido empresarial e asociativo" sinala a presidenta do Consello de Dirección do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal e alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, quen destaca a necesidade de sumar forzas nos concellos para afortalar a candidatura de Ortegal.

Por parte da Deputación da Coruña, o deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou que, con é preciso que o territorio "se implique e dar pasos firmes para avanzar en transformar o proxecto nunca candidatura real á certificación da UNESCO". Valorou tamén que as xornadas do fin de semana tiñan como un dos principais obxectivos "establecer as necesarias alianzas cos colectivos sociais representativos, e coa sociedade en xeral porque o proxecto debe transcender xa á mera corporación entre administracións e pasar a ser patrimonio do territorio e da sociedade que nel habita".

O obxectivo da xuntanza foi, por unha banda, coñecer as conclusións das xornadas que se desenvolveron o pasado fin de semana das que se destacou a participación do tecido social, asociativo, cultural, técnico e empresarial do territorio. A actividade respondeu, segundo se valorou , á premisa de que un xeoparque debe conformarse de "abaixo a arriba" como quedou patente coa asistencia dos actores fundamentais tanto as charlas, como a excursión e as mesas de traballo. As sensacións foron moi positivas tanto por parte dos 7 concellos como dos avaliadores que formaron parte das mesmas.

Por outro lado comezáronse a fraguar novos pasos para a consolidación da candidatura. Concretáronse varios puntos como a posta en marcha dun proceso de inclusión de localizacións para poñer a andar un plan de sinalización xeoturística (que é requisito imprescindible na documentación a presentar pola candidatura) así como a decisión de comezar a tramitar a contratación dun plan coas actuacións iniciais básicas para a realización dun documento marco de inicio de tramitación.

Do mesmo xeito consensuouse a necesidade de comezar a tramitación dun plan de formación e sensibilización local con respecto ao proxecto de xeoparque. O obxectivo é que as empresas, produtos e actividades a nivel local utilicen o selo do proxecto, coñezan a súas linas de actuación fundamentais e conseguir que as empresas e entidades do territorio se sintan orgullosas de pertencer ao mesmo, e polo tanto sexan as mellores prescritoras aos visitantes.

Por último, o consello de Dirección acordou integrar todas as actividades relacionadas co xeoparque que se estaban a levar a cabo en cada un deles para ir conformando un plan e un calendario integral de actuacións conxuntas. Neste eido o consello acordou manter, antes de que comece o curso escolar 2019-2020, unha reunión cos consellos escolares dos 7 concellos para ofertar a todos os centros educativos do territorio as mesmas actividades e obradoiros relacionados co xeoparque. E é que a educación e o fomento da educación sobre o proxecto nos máis pequenos, é outro dos eixos que debe desenvolver un xeoparque para construír un proxecto sustentable e que xere valor propio.

Con estes obxectivos, o consello de Dirección puxo sobre a mesa a data doutra reunión a finais de mes para ir avaliando os puntos conseguidos así como a súa supervisión e o grao de cumprimento.

Páxinas suxeridas