Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 167.497 euros para apoiar ás entidades da provincia que traballan na conservación do medio ambiente

As subvencións financiarán programas de voluntariado e educación ambiental, accións de posta en valor de recursos naturais e de conservación de especies de fauna e flora autóctona

González Formoso destaca "o papel fundamental" que as asociacións ecoloxistas e de protección da natureza desenvolven na preservación do medio natural

A Deputación da Coruña destina 167.497 euros para apoiar ás entidades da provincia que traballan na conservación do medio ambiente

A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a concesión provisional das axudas para apoiar as entidades sen ánimo de lucro da provincia que traballan no ámbito da conservación e protección do medio.

Trátase de dúas liñas, que suman un investimento total de 167.497,10 euros, destinadas ao financiamento de investimentos e actividades no ámbito do medio  durante o ano 2019.

Programas de voluntariado ambiental, iniciativas de difusión e sensibilización, accións de posta en valor dos recursos naturais ou de conservación do medio  son algunhas das actividades que apoia esta convocatoria, segundo explicou o presidente en funcións da institución provincial, Valentín González Formoso, que destacou "o papel fundamental que desenvolven as asociacións ecoloxistas e de protección da natureza na preservación do medio natural".

A Deputación incrementou este ano o orzamento total deste programa de axudas, creado por primeira vez o ano pasado, e tras varias reunións con colectivos realizou diversas modificacións nas bases para adecualas ás necesidades do sector co obxectivo de facelas máis útiles.

Así, por exemplo, incrementouse de 20.000 a 25.000 euros a subvención máxima que a Deputación poderá conceder dentro deste programa de axudas e diminuíuse ao mesmo tempo o importe mínimo de 5.000 a 1.000 euros, o que dá máis facilidades para que proxectos máis pequenos poidan contar co apoio económico da Deputación.

Un total de 8 entidades (tres delas condicionadas) recibirán axudas por importe de 68.698,72 para a realización de investimentos coma a creación dunha Escola de Natureza (Asociación Neboa), equipamento para o voluntariado medioambiental das brigadas deseucaliptizadoras (Asociación Verdegaia), adquisición de material informático para actividades de divulgación ambiental (Sociedade Galega de Historia Natural) ou material para un programa de conservación dos morcegos (Asociación Drosera).

Na liña de actividades, 15 entidades medioambientais coruñesas recibirán un total de 99.798,38 euros para accións coma os obradoiro científico-ambientais para alumnos de primaria "Explorando o Tambre" (Asociación Adiantum), e "Movendo a escola de natureza" (Asociación Amabul); un programa de xestión dos plásticos de uso agrícola para minimizar o seu impacto ambiental (Federación Galega de Medio Ambiente), un plan de conservación das píllaras nas dunas das praias do Barbanza (Sociedad Española de Ornitología) ou un proxecto de mellora da sustentabilidade enerxética en instalacións gandeiras (Asociación Vento Noso).