Estás en:Novas

A Deputación remata as obras de pavimentación na estrada DP 0905, en Paderne

Supuxeron un investimento de 105.618,25 euros para renovar o firme de 5,2 quilómetros do vial

A Deputación remata as obras de pavimentación na estrada DP 0905, en Paderne

O departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña vén de rematar as obras de pavimentación e mellora da estrada provincial DP 0905, entre os puntos quilométricos 1+800 e 7+000, no termo municipal de Paderne.

As obras supuxeron un investimento de 105.618,25 euros para a reparación e dotación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente nunha superficie de 15.962,5 metros cadrados nun tramo polo que circulan cada día máis de mil vehículos.

Os traballos incluíron tamén o repintado das marcas viais e o reforzo da sinalización vertical para a mellora da seguridade viaria en todo o tramo.

Nova senda peonil

Nesta mesma estrada, entre os puntos quilométricos 0+650 e 2+080, a Deputación está executando as obras de construción dunha senda peonil cunha anchura media de 2 metros que conectará as beirarrúas existentes no inicio da estrada provincial (PK 0+650), dentro do termo municipal de Betanzos, coas beirarrúas existentes no núcleo de Obre (Paderne), que conectan á súa vez co centro da localidade. Deste xeito, os peóns poderán realizar a totalidade do percorrido coas debidas condicións de seguridade.

Xa se realizaron traballos de movemento de terras, desmonte, canalizacións e colocación de bordo. Prevese que as obras estean rematadas este mesmo verán.

Páxinas suxeridas