Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora coa Festa da Carballeira de Zas que chega a súa 36 edición

A Deputación da Coruña colabora coa Festa da Carballeira de Zas que chega a súa 36 edición

 

 A Deputación da Coruña representada pola sea vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, participou xunto co alcalde de Zas e amén deputado, Manuel Muíño, na presentación do cartel e as novidades da 36º Edición da Carballeira de Zas, cita obrigada para todos os amantes do folk celebrado na primeira fin de semana de agosto (venres 2 e sábado 3).

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín animou á participación na festa e destacou a relevancia que supón en canto promoción da nosa música. "Estamos nun festival que é música e natureza, encontro e festa... unha cita ineludíbel do verán que é a época dos festivais, esas plataformas de difusión cultural cos que nos comprometemos desde a Deputación da Coruña", sinalou na súa intervención.

Na presentación participaron tamén o alcalde de Zas, Manuel Muíño, que declarou que "é unha honra poder seguir presentando este evento como referente da cultura de Zas e da música folk"; o director do Festival, Fidel Otero e o responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán, que resaltou que "é un honor apoiar os eventos en Galicia e poder traballar na Carballeira".

Ademais, a gaiteira Susana Seivane, un dos pratos fortes desta edición, quixo participar da presentación apoiando á directiva do festival. Seivane, para a que actuar na Carballeira "era unha débeda pendente", ofreceu un pequeno concerto aos presentes, como adianto da súa actuación o día 2 de agosto. Neste ano, a Carballeira de Zas énchese de tradición galega grazas a artistas como Perfusión, que abrirá a festa, Susana Seivane coa súa gaita, as pandereteiras Tanxugueiras, Dakidarria ou Monoulious Dop. Ademais, o festival volverá a ofrecer a posibilidade de gozar de recoñecidos grupos do ámbito nacional, como os vascos Korrontxi e internacional, coa banda bretona Celtic Social Club e os irlandeses Fourth Moon.

Rematarán a festa, o sábado de madrugada, o grupo escocés Tide Lines e o galego Baiuca. A clásica sesión vermú da Carballeira ofrecerá as actuacións de Os Farrapos, Fourth Moon, Vudú e unha regueifa con Lupe Blanco e Alba María. A Carballeira máis solidaria

As entradas para o festival poderanse mercar dende hoxe mesmo na páxina www.festadacarballeira.com e a través de Ticketea, tendo un prezo de saída de 10€, o bono para os dous días, tarifa que se manterá durante o mes de xuño. En xullo pasará a custar 12€. A venda na billeteira será de 15€, bono de dous días.

Unha das novidades máis importante este ano será o acordo solidario ao que chegaron a organización do Festival coa Fundación Íntegro, Asociación de persoas con diversidade funcional das bisbarras de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. De cada entrada mercada online doarase 1€ á asociación. Un xesto co que a Carballeira apoia e recoñece o labor desenvolto por a Fundación. Como en pasadas edicións os asistentes poderán contar con zona de acampada gratuíta (situada a poucos metros do recinto musical), baños e duchas. Evento familiar Un ano mais, a tarde do sábado na Carballeira de Zas está pensada para o desfrute de maiores y pequenos, contando con unha zona de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e diferentes actuacións a partir das 14h.

Páxinas suxeridas