Estás en:Novas

O bicampeón olímpico Alberto Juantorena repasa na Deputación a súa carreira deportiva

Un dos grandes mitos da historia do atletismo encheu esta tarde a sala Juanjo Gallo para falar da súa experiencia

O bicampeón olímpico Alberto Juantorena repasa na Deputación a súa carreira deportiva

O exatleta cubano e dobre campión olímpico Alberto Juantorena participou esta tarde na sede da Deputación da Coruña nunha charla-coloquio na que compartiu co numeroso público asistente anécdotas e vivencias da súa carreira deportiva. O deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, foron os encargados de introducir o acto e explicar como xurdiu a idea de traer a Juantorena a Galicia.
Especialista en probas de 400 e 800 metros, Juantorena foi o primeiro atleta que conseguiu proclamarse campión olímpico de ambas especialidades nos Xogos Olímpicos de Montreal 1976, un fito que ninguén conseguiu igualar até o día de hoxe.
"Unha gran fazaña ten moito de sorte, pero tamén moito traballo detrás", afirmou o atleta, que explicou as súas duras rutinas de adestramento e desatacou que foi o único atleta que correu o horario completo nunha Olimpiada. "Era o único que corría todos os días", afirmou Juantorena, que contou a historia de como tivo que mudar a súa paixón polo baloncesto polo mundo do atletismo grazas ao apoio e os consellos do adestrador polaco Zabierzowski, co que deseñou a estratexia que lle permitiu gañar en dúas probas con adestramentos e cualidades moi diferentes, unha de velocidade e outra de mediofondo, un fito que ninguén volveu conseguir nunhas olimpiadas.
"Estou mal feito para os pantalóns pero ben feito para o deporte", apuntou Juantorena (1,90 metros de altura), cuxa prodixiosa zancada de 2,70 metros resultou ser unha gran vantaxe na súa carreira no mundo do atletismo.
Juantorena, que lembrou as súas raíces familiares en España, agradeceu a oportunidade que lle deu Cuba de formarse e converterse en deportista profesional e destacou a importancia de que os países invistan "en educación física e en educación primaria".

Páxinas suxeridas