Estás en:Novas

Fiscais de toda España debaten no Pazo de Mariñán sobre os avances e retos da loita contra a violencia de xénero

A Escola de Verán do Ministerio Fiscal foi inaugurada hoxe polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a fiscal xeral do Estado, María José Segarra

Fiscais de toda España debaten no Pazo de Mariñán sobre os avances e retos da loita contra a violencia de xénero

O Pazo de Mariñán (Bergondo) acolle durante esta semana unha nova edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que este ano estará dedicada a analizar e debater sobre os avances e retos que presenta a loita contra a violencia de xénero.
O foro foi inaugurado esta mañá pola Fiscal Xeral do Estado, María José Segarra, o presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a directora do Centro de Estudios Jurídicos, María de las Heras García.
No seu discurso inaugural, o presidente provincial destacou que "a pesar dos numerosos avances sociais e lexislativos para loitar contra a violencia machista, contamos 25 vítimas mortais no que vai de ano e máis de 89.000 dilixencias abertas pola Fiscalía o ano pasado por violencia de xénero, o que amosa que queda moito traballo aínda por facer":
"A loita conta a violencia de xénero é unha tarefa común na que como sociedade todos debemos comprometernos, cada un dende o ámbito e responsabilidade que lle corresponde. No caso da Fiscalía, o voso papel é clave e determinante nese obxectivo común de erradicar dunha vez por todas a lacra da violencia machista", afirmou Valentín González Formoso, que detallou tamén algunhas das accións que, neste ámbito, desenvolve a Deputación da Coruña como o programa de apoio ás casas municipais de acollida dos concellos coruñeses, galardoado recentemente cun premio de boas prácticas da FEMP, ou os distintos programas de educación e prevención da violencia de xénero que a Deputación leva a cabo nos colexios e institutos de educación secundaria da provincia.
Pola súa banda, a fiscal xeral do Estado, María José Segarra, subliñou que as vítimas de violencia machista alcanzaron xa o millar dende 2003 (ano no que comezaron os rexistros), polo que a cifra supera xa o número de vítimas da banda terrorista ETA ao longo da súa historia.