Estás en:Novas

A Deputación da Coruña acolle unha xornada sobre a aplicación do control horario nos concellos

A Deputación ofrece aos municipios da provincia unha extensión da aplicación informática de xestión de nóminas que permite aos concellos xestionar o control horario dos seus traballadores

A Deputación da Coruña acolle unha xornada sobre a aplicación do control horario nos concellos

A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá unha xornada sobre a aplicación do control horario nos concellos da provincia.

A organización desta xornada responde ás múltiples consultas e ao interese mostrado por moitas administracións locais sobre a nova normativa.

O curso foi inaugurado polo deputado responsable da área de Economía, Facenda e Persoal, Antonio Leira, que destacou a importancia de cumprir co establecido no Real decreto 8/2019 do 8 de marzo, que "garante a seguridade xurídica de empregados e empresas" e ten como obxectivo controlar que non se excedan as xornadas laborais máximas esixidas na normativa e que, no seu caso, se retribúan as horas extra.

A Deputación ofrece aos municipios da provincia unha extensión da aplicación informática de xestión de nóminas que permite aos concellos xestionar o control horario dos seus traballadores. 

As empresas e administracións públicas teñen a obriga de documentar e garantir o rexistro diario da xornada de todos os traballadores e traballadoras, conservar os rexistros durante catro anos e mantelos a disposición das persoas traballadoras, os seus representantes legais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social.