Estás en:Novas

A Deputación remata as obras de mellora da seguridade viaria na estrada entre Xermaña e Caión

Unha nova senda de case 1 quilómetro permite o transito a pé entre os núcleos de Alvite, Cimadevila e Xermaña, favorecendo a seguridade viaria dos veciños destes lugares

A Deputación remata as obras de mellora da seguridade viaria na estrada entre Xermaña e Caión

A Deputación da Coruña vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0514 entre Xermaña e Caión, no termo municipal da Laracha.

As obras supuxeron un investimento de máis de 200.000 euros para a creación dunha senda peonil, que comeza no lugar de Alvite e discorre nas marxes da DP-0514, nun tramo de 960 metros en dirección ao núcleo urbano de Caión.

Este novo camiño, que ten un ancho de dous metros, permite o transito a pé entre os núcleos de Alvite, Cimadevila e Xermaña, favorecendo a seguridade viaria dos 200 veciños destes lugares.

As obras incluíron a ampliación da plataforma, a pavimentación da estrada con mestura bituminosa en quente, o pintado das marcas viais, a aplicación de resalto termoplástico e a instalación de barandas de seguridade nos tramos de curvas pronunciadas.

Así mesmo, delimitáronse varios pasos de cebra e aparcamentos para os veciños en dous subtramos, indicados mediante sinais verticais, e levouse a cabo a renovación da rede de recollida superficial de augas pluviais e a instalación de novas canalizacións para as redes de telefonía e alumeado.

60 quilómetros de sendas peonís no actual mandato

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso destacou "o importante esforzo inversor realizado polo departamento de Vías e Obras para a construción de 60 novos quilómetros de sendas peonís nas estradas da provincia", en referencia ao Plan de Sendas da Deputación, que mellora a seguridade dos viandantes en 26 estradas provinciais, cun orzamento de 6,3 millóns de euros neste mandato.

Esta acción compleméntase ademais cos 3,4 millóns de euros que a Deputación da Coruña inviste, a través do Plan Único (POS+), na construción doutras 21 sendas peonís nos concellos da provincia.

Páxinas suxeridas