Estás en:Novas

A campaña da Deputación da Coruña "Liberdade de Ser e Sentir!" chega ás rúas a través de dúas accións de sensibilización

A campaña da Deputación da Coruña

Con motivo do 28 de xuño "Día da Diversidade Sexual", desde a Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña estase desenvolvendo a campaña Liberdade de ser e sentir!, para sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

No marco desta campaña, os días 26 e 27 de xuño, desenvolveranse diferentes actividades na cidade da Coruña. Por unha banda, SomosLag encargarase de realizar o día 26 dúas performance en diferentes localizacións da cidade. A primeira delas será ás 18.00 horas fronte ao antigo Cine París, baixo o título DC-8, nun intento de concienciar á sociedade de que a igualdade se basea na correspondencia resultante de diversas partes que integran un todo. Relacionada coa xustiza social, nace esta acción como reacción á marxinación que sofren as persoas cuxa orientación sexual non se enmarca no socialmente establecido. A segunda performance, A posibilidade do imposible será ás 19:00 horas nos xardíns existentes fronte a Autoridade Portuaria.

Completan esta programación o concerto do grupo The Tetas' Van que terá lugar o 27 de xuño ás 20.00h no Hall do Teatro Colón. The Tetas' Van achegarán a esta campaña versións musicais en galego co obxectivo de divertir e transmitir á sociedade, especialmente na mocidade, valores como a tolerancia, a igualdade e a diversidade sexual e visibilizando á comunidade LGTBQI+. Entrada de balde ata completar aforo. Para obter máis información: www.seresentir.gal

Páxinas suxeridas