Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o festival "Abride a Fiestra" da Casa Rosalía

A Deputación da Coruña apoia o festival

 

A área de Cultura da Deputación da Coruña colabora coa Fundación Rosalía de Castro na segunda edición do festival 'Abride a Fiestra', que terá lugar os días 13 e 14 de xullo na Casa de Rosalía, e que acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. A vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, participou na presentación do programa e destacou a intensa relación da institución coa Fundación Rosalía De Castro. 

Na súa intervención, Goretti Sanmartín destacou a intensa relación da Deputación da Coruña coa Fundación Rosalía De Castro á que, ademais de apoiar o seu programa de actividades, cedeu importantes pezas do seu patrimonio relacionado coa grande figura da nosa cultura xa que, segundo apuntou, "é aquí onde teñen que estar, para serena vistas pola xente e non en espazos pechados da Deputación". Ademais, destacou o deseño do festival que cadra coa figura "do noso tempo, actual e revolucionaria" que se defendeu nos últimos anos desde a institución na que dirixiu a política cultural e que promoveu iniciativas como o propio Festival Rosalía que tivo lugar en Santiago de Compostela cunha escritora "superheroína" como imaxe do evento. 

O festival "Abride a diestra!" ofrece en dúas xornadas un amplo programa en que participarán Cristina Pato, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Secho, Paco Nogueiras e a Coral de Padrón no apartado musical. O festival foi presentado esta mañá na horta da Casa Rosalía, o espazo en que, segundo relatou a sea filla, pronunciou as súas últimas verbas: "Abride a fiestra que quero ver o mar".

A vicepresidenta da Deputación da Coruña e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, participou na presentación junto co presidente da Fundación, Anxo Angueira e representantes das institucións que apoian o evento como a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lurdes Batán; e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

O programa comezará o sábado 13, cun recital poético multilingüe co Colectivo de Poetas en Bruxelas e un grupo representativo da poesía galega actual. Rematará a xornada cun concerto de Cristina Pato acompañada por Roberto Comesaña, o único desta temporada que ofrecerá en Galicia. O día grande será o 14 de xullo (a data do pasamento de Rosalía de Castro é o 15 de xullo, mais nesta ocasión adiantouse un día o evento), que se celebrará cunha xornada de portas abertas na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais, unha ludoteca e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas. Entre as persoas que guiarán polos diferentes cuartos da Casa da Matanza están o escritor Pedro Feijoo, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o ex presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro, o profesor Francisco Rodríguez e o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal. E unha moi especial, protagonizada pola poeta Olga Novo, na que irá recitando poemas propios en cada estancia da casa.

Páxinas suxeridas