Estás en:Novas

Boiro acolle a partir do luns o primeiro curso da campaña de vela da Deputación da Coruña

Outes, Fisterra, Malpica, A Coruña e Ortigueira serán sedes dos cursos nos meses de xullo e agosto

Boiro acolle a partir do luns o primeiro curso da campaña de vela da Deputación da Coruña

Un total de 240 nenas e nenos da provincia da Coruña aprenderán a navegar a vela este verán coa Deputación.

Os concellos de Boiro, Outes, Fisterra, Malpica, A Coruña e Ortigueira acollerán este ano, desde o 1 de xullo ao 9 de agosto, os cursos da campaña de vela 2019 da Deputación da Coruña. Neles participarán rapaces e rapazas entre os 9 e os 18 anos pertencentes ao ámbito comarcal de cada un dos concellos que serán sede da actividade.

A sede da Deputación acolleu esta mañá a sinatura do contrato coa Federación Galega de Vela por parte do deputado de Contratación, Xesús Soto, e o representante da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

Nos cursos, que terán unha duración de cinco días en quendas de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas), realizarase unha iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como un curso básico da elaboración de nós mariños. A incorporación e regreso ás instalacións náuticas onde se desenvolverán os cursos correrá por conta dos participantes.