Estás en:Novas

Boiro estrea os cursos da Campaña de Vela da Deputación

Corenta nenos e nenas dos concellos da comarca aprenden a navegar na ría de Arousa

O vindeiro curso terá lugar en Outes do 8 ao 12 de xullo

Boiro estrea os cursos da Campaña de Vela da Deputación

Os 40 rapaces e rapazas dos concellos da zona do Barbanza que participan na Campaña de Vela 2019 da Deputación da Coruña comezaron esta semana os cursos en Boiro.

A actividade, impartida pola Federación Galega de Vela, está dirixidas a mozos e mozas de entre os 9 e os 18 anos, e desenvolvéronse durante toda a semana. En quendas de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os alumnos aprenden e practican a navegación a vela.

O curso inclúe clases teóricas para que os rapaces coñezan o manexo das velas e os distintos utensilios necesarios para a navegación, afiancen conceptos e resolvan dúbidas sobre os distintos exercicios a realizar. Baixo a supervisión dos monitores, os alumnos tamén puxeron en práctica o aprendido navegando pola Ría de Arousa. Así mesmo, realizaron un obradoiro de elaboración de nós mariñeiros.

Os cursos da Campaña de Vela da Deputación realízanse durante os meses de verán en diferentes concellos da provincia, permitindo que un total de 240 nenos e nenas aprendan ou practiquen a navegación.

A semana que vén o curso desenvolverase en Outes. Posteriormente celebraranse cursos en Fisterra, Malpica, A Coruña e Ortigueira.

Páxinas suxeridas