Estás en:Novas

Xosé Regueira aposta por unha maior eficacia e axilidade nas contratacións públicas

O vicepresidente da Deputación da Coruña participou no I Encontro Anual da Asociación Provincial de Empresarios da Construción

Xosé Regueira aposta por unha maior eficacia e axilidade nas contratacións públicas

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou no I Encontro Anual da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco), "Construíndo unidos", cunha intervención na que defendeu a necesidade de que as institucións aposten por unha "maior eficacia e axilidade nas contratacións públicas". Nun foro constituído en maior medida por responsábeis de empresas do sector da construción, Xosé Regueira destacou que a Deputación contribuíra á máis de 1.200 licitacións públicas no territorio a través dun Plan Único que a día de hoxe neste ano 2019 achegou aos concellos máis de 102 millóns.

"A día de hoxe o problema real para os concellos non é tanto contar con orzamentos senón licitalo e executalo", sinalou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na súa intervención no I Encontro anual da Apecco que se desenvolveu na noite do xoves día 4 na Finca Montesqueiro de Oleiros.

O tamén responsábel da área de Plans provinciais nos últimos catro anos destacou as dificultades que para os concellos supuxo a adaptación á nova Lei de contratos do sector público e marcou como deberes para os vindeiros catro anos "mellorar a eficacia e a axilidade nas contratacións públicas e conseguir que as formas de contratación sexan as máis adecuadas á hora de crear emprego e benestar, buscando na dicotomía calidade/prezo a xusta medida, que será sen dúbida aquela que teña o impacto máis favorábel no sector empresarial, na xeración de emprego de calidade no territorio e na calidade de execución dos proxectos".

Na súa intervención nun foro composto principalmente por membros do sector da construción, Xosé Regueira fixo balance do que supuxo o Plan Único da Deputación da Coruña que definiu como un "fito histórico na relación cos concellos e incrementou a achega da institución provincial ás municipais nas que inxectou máis de 300 millóns nos últimos tres anos, o que se traduciu en máis de 1.200 licitacións públicas no territorio do que o sector da construción foi beneficiario". Destacou tamén que, neste ano 2019, o Plan Único "alcanza unha nova marca cunha achega que a día de hoxe se sitúa nos 102 millóns de euros".