Estás en:Novas

González Formoso destaca que as sete bandeiras azuis converten a Boiro “nun referente turístico” da provincia da Coruña

O presidente da Deputación e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, participaron hoxe no izado da bandeira azul da praia de Carragueiros, unha das sete coas que conta o municipio este verán

Boiro é, xunto a Arteixo, o municipio con máis bandeiras azuis da provincia

Formoso e Martiño clausuraron en Cabo de Cruz o primeiro curso da Campaña de Vela da Deputación

Máis dun terzo das praias con bandeira azul de Galicia están na provincia da Coruña

González Formoso destaca que as sete bandeiras azuis converten a Boiro “nun referente turístico” da provincia da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, Martiño, participaron esta tarde no acto oficial de izado de dúas das sete bandeiras azuis coas que conta este verán o municipio boirense e que o sitúan, xunto con Arteixo, no municipio coruñés con maior número de bandeiras azuis nos seus areais.

Na praia de Carragueiros, xunto aos socorristas contratados polo concello para garantir a seguridade nas praias de Boiro durante a tempada estival, González Formoso destacou que o elevado número de distincións "converte a Boiro, un ano máis, nun referente turístico na provincia da Coruña", xa que o distintivo recoñece a excelente calidade das augas, a preservación do medio ambiente na contorna e a existencia de servizos e accesibilidade adecuada.

Formoso destacou "o bo traballo" dos dez municipios costeiros coruñeses, entre eles Boiro, que suman un total de 38 bandeiras azuis, máis dun terzo do total de 107 concedidas en Galicia este verán.

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, destacou que dous dos areais boirenses reciben a maiores o distintivo Q, que avala a calidade turística dun total de 21 praias en Galicia.

Martiño apuntou que "debemos garantir os servizos, ano a ano, e a calidade das praias e outros areais en canto accesibilidade, seguridade, limpeza e calidade das augas".

Boiro lucirá este verán un total de sete bandeiras azuis (as mesmas do ano pasado) en Barraña, Carragueiros, Mañóns, Retorta, Barraña-Saltiño, Ladeira do Chazo e Piñeirón que sitúan a este municipio, xunto con Arteixo, á cabeza en número de distincións.

Os outros municipios coruñeses onde ondeará a bandeira azul este verán son A Coruña (5), Oleiros (5), Ferrol (4), Carballo (3), Ponteceso (3) e Dumbría, Camariñas, Laracha e Miño.

Náutico de Cabo de Cruz

Formoso e Martiño izaron tamén a bandeira azul nas inmediacións do Náutico de Cabo de Cruz, onde corenta nenos e nenas participaron esta semana no primeiro curso da Campaña de Vela da Deputación e aprenderon a navegar en augas da Ría de Arousa.

O presidente provincial e o alcalde clausuraron o curso e conversaron cos alumnos acerca dos coñecementos que adquiriron nestes días sobre a práctica do deporte da vela.

Apertura das festas

O alcalde de Boiro e o presidente da Deputación da Coruña participaron tamén no acendido do alumeado das festas e no acto do seu inicio, que estivo protagonizado polas mulleres da conserva da localidade, encargadas de ler un emotivo pregón dende o balcón da casa consistorial boirense, que foi aplaudido polo numeroso público congregado na praza.

 

 

Páxinas suxeridas