Estás en:Novas

Corenta nenas e nenos aprenden a navegar coa Deputación en Outes

O segundo curso da campaña de vela desenvólvese ata o venres, 12 de xullo

Corenta nenas e nenos aprenden a navegar coa Deputación en Outes

Un total de 40 rapaces e rapazas dos concellos da comarca de Barbanza participan dende onte no segundo curso da Campaña de Vela 2019 da Deputación da Coruña, que se está a celebrar en Outes.

A actividade, impartida pola Federación Galega de Vela, está dirixidas a mozos e mozas de entre os 9 e os 18 anos, e desenvolvéronse durante toda a semana. En quendas de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os alumnos aprenden e practican a navegación a vela.

O curso inclúe clases teóricas para que os rapaces coñezan o manexo das velas e os distintos utensilios necesarios para a navegación, afiancen conceptos e resolvan dúbidas sobre os distintos exercicios a realizar. Baixo a supervisión dos monitores, os alumnos porán en práctica o aprendido navegando pola Ría de Muros e Noia. Así mesmo, realizarán un obradoiro de elaboración de nós mariñeiros.

Os cursos da Campaña de Vela da Deputación realízanse durante os meses de verán en diferentes concellos da provincia, permitindo que un total de 240 nenos e nenas aprendan ou practiquen a navegación.

Tras as primeiros edicións celebradas en Boiro e Outes, nas vindeiras semanas celebraranse máis cursos de vela en Fisterra, Malpica, A Coruña e Ortigueira.

Páxinas suxeridas