Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina un millón de euros para o programa de actividades e case trescentos mil a investimentos do tecido cultural

Un total de 282 asociacións benefícianse do apoio aos seus programas e 138 melloran os seus equipamentos

A Deputación da Coruña destina un millón de euros para o programa de actividades  e case trescentos mil a investimentos do tecido cultural

Un total de 963.571,46 € é o orzamento que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina ao programa de actividades das asociacións culturais que desenvolven a súa acción no territorio dos concellos da Coruña. A cantidade súmase aos 268.021, 16 € que a institución dedica a investimentos do tecido cultural. En total, 1.231.592 € que teñen como obxectivo afortalar as entidades que traballan pola cultura na provincia.

Case trescentas entidades que traballan pola cultura nos distintos concellos da Coruña son as beneficiarias da liña da Deputación da Coruña que ten como obxectivo apoiar e consolidar os distintos programas culturais que ofrecen. En total son 282 as entidades as beneficiarias das subvencións que nesta edición teñen un orzamento de 963.571,46 €.

Semanas culturais, congresos, formación en música e baile, recuperación da memoria histórica, celebración de foliadas, actividades para concienciación sobre o patrimonio, creación de clubs de lectura, obradoiros de arte, ciclos de cine, exposicións, roteiros culturais, festivais ou iniciativas arredor da historia local son algunhas das actividades que a Deputación da Coruña apoia a través do programa de axudas para actividades de entidades culturais.

A esta cantidade súmase o orzamento destinado ao apoio de investimentos das asociacións culturais ao que a Deputación da Coruña destina un total de 268.021,16 € das que se benefician 138 entidades. Adquisición de instrumentos musicais, material informático e audiovisual, rehabilitación de instalacións, equipación de moblaxe, dotación de embarcacións tradicionais ou páxinas webs son algúns dos subvencionados por medio desta liña que achega ás asociacións o 80% dos seus investimentos.

Páxinas suxeridas