Estás en:Novas

Rematan os campamentos deportivos da Deputación, nos que participaron 400 nenos e nenas de toda a provincia

As deputadas de Deporte e Mocidade, Cristina Capelán e Sandra González Castro, despediron os participantes da última quenda dos campamentos de verán

Rapaces das comarcas de Barbanza e Santiago clausuran a actividade, que incluíu visitas a numerosos enclaves turísticos da Coruña

As deputadas visitaron tamén as instalacións do IES Calvo Sotelo, no que 300 alumnos cursan estudos de FP cada ano

Rematan os campamentos deportivos da Deputación, nos que participaron 400 nenos e nenas de toda a provincia

Catrocentos nenos e nenas procedentes dos 93 concellos coruñeses gozaron durante o mes de xullo dos campamentos deportivos de verán organizados pola Deputación da Coruña no centro Calvo Sotelo.

As deputadas responsables das áreas de Deporte e Mocidade, Cristina Capelán e Sandra González, despediron esta mañá os 100 participantes na derradeira quenda dos campamentos, destacaron o éxito do programa e felicitaron os monitores encargados do coidado dos cativos polo traballo desenvolvido, que incluíu un amplo programa de actividades deportivas e lúdicas.

Nesta última semana participaron nenos e nenas dos concellos de Ames, A Baña, Boiro, Boqueixón, Brión, Dodro, Lousame, Negreira, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vedra

Durante todo o mes, as  rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de participar en actividades náuticas, practicar tenis, fútbol, baloncesto, natación ou sendeirismo; así como gozar dun paseo en barco pola ría da Coruña e visitar lugares de interese coma a Torre de Hércules, a Casa dos Peixes, o xardín de San Carlos, o castelo de San Antón e o mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume.

Visita ás instalacións do Calvo Sotelo

Cristina Capelán e Sandra González visitaron tamén o IES Calvo Sotelo, dependente da Deputación da Coruña.

Acompañadas do director do centro educativo, Genaro García, as deputadas provinciais coñeceron o funcionamento e as instalacións nas que 300 alumnos cursan cada ano estudos de Formación Profesional.

García explicou as dez especialidades que se imparten no Calvo Sotelo: tres de FP básica, 6 ciclos medios e un ciclo formativo superior, así como o servizo de residencia que a Deputación ofrece a 65 alumnos que soliciten cursar estudos no centro e non teñan o seu domicilio establecido na cidade da Coruña

As deputadas mostraron interese nas necesidades do centro e anunciaron a súa disposición a manter reunións periódicas para garantir que siga sendo un centro de referencia na formación profesional da mocidade.

Páxinas suxeridas
..