Estás en:Novas

A Deputación avanza nas obras de ampliación da ponte de Rebardille, nas Pontes

As obras permitirán ampliar ata os 10,8 metros o ancho da ponte, eliminando un punto moi estreito onde se producían dificultades na circulación

A Deputación avanza nas obras de ampliación da ponte de Rebardille, nas Pontes

A Deputación da Coruña comezou as obras de ampliación da plataforma e o taboleiro da ponte sobre o río Rebardille, no termo municipal das Pontes.

Os tramos contiguos da estrada de titularidade provincial DP1802 xa foron ampliados mediante unha obra incluída do Plan de Vías Provinciais, respondendo á política da Deputación de aumentar o ancho dos viais máis estreitos dos máis de 2.100 quilómetros cos que conta a rede provincial de estradas.

Segundo explicou o presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, as obras na ponte pretenden tamén ampliar a sección da estrada que discorre sobre o río, para conseguir que sexa homoxénea ao resto do trazado, permitindo un cruce seguro dos coches nunha zona onde a visibilidade é limitada, con curvas moi pechadas, o que supón un perigo para a circulación.

Para iso, estase a executar a ampliación do taboleiro da ponte ata un ancho total de 10,8 metros, no que se disporán dous carrís de circulación de 4 metros de ancho e beiravías de 1,40 metros a ambos lados, nos que se localizará a bionda de protección e o pretil.

Aproveitando a época máis seca do ano, as obras comezaron coa limpeza das marxes do río, retirando troncos e ramas presentes no entorno da ponte, e a limpeza dos paramentos e muros de cachotería do viaduto mediante chorro de auga e area a presión, así como a desmontaxe e reconstrución do muro da marxe esquerda, que se atopaba en mal estado.

Os traballos están agora na fase de instalación do novo taboleiro que continuará co formigonado, a colocación das presolas e a armadura da estrutura. Unha vez rematada esta fase haberá que esperar a que o formigón endureza e a nova estrutura teña a resistencia adecuada antes de reabrir ao tráfico, polo que se manterán os desvíos sinalizados durante os meses de verán.

Páxinas suxeridas