Estás en:Novas

Corenta nenas e nenos aprenden a navegar coa Deputación na cidade da Coruña

O quinto curso da campaña de vela desenvólvese ata o venres, 2 de agosto

Corenta nenas e nenos aprenden a navegar coa Deputación na cidade da Coruña

Un total de 40 rapaces e rapazas dos concellos da comarca da Coruña participan este semana no quinto curso da Campaña de Vela 2019 da Deputación da Coruña, que se está a celebrar na dársena de Oza (A Coruña).

A actividade, impartida pola Federación Galega de Vela, está dirixidas a mozos e mozas de entre os 9 e os 18 anos e desenvólvese durante toda a semana. En quendas de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os alumnos e alumnas aprenden e practican a navegación a vela.

O curso inclúe clases teóricas para que a rapazada coñeza o manexo das velas e os distintos utensilios necesarios para a navegación, afiancen conceptos e resolvan dúbidas sobre os distintos exercicios que se realizan. Baixo a supervisión do monitorado, o alumnado pon en práctica o aprendido navegando pola ría. Así mesmo, realizarán un obradoiro de elaboración de nós mariñeiros.

Os cursos da Campaña de Vela da Deputación realízanse durante os meses de verán en seis concellos da provincia, permitindo que un total de 240 nenos e nenas aprendan ou practiquen a navegación. Ortigueira acollerá a vindeira semana o derradeiro curso deste verán.

Páxinas suxeridas