Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aposta por recuperar o pulso da olería como sector económico na Mostra de Buño

O presidente en funcións, Xosé Regueira, convida a mirar a artesanía "con ollos de futuro"

A Deputación da Coruña aposta por recuperar o pulso da olería como sector económico na Mostra de Buño

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu na inauguración da Mostra de Olaría de Buño a necesidade de apostar para recuperar o pulso da olaría como sector económico de futuro. Na súa intervención, convidou a mirar a olaría con "ollos de futuro" e avogou porque a olaría estea presente nos restaurantes e nas casas, "en todos os escenarios en que nos movemos".

Xosé Regueira participou, en representación da Deputación da Coruña, no acto de inauguración da Mostra da Olería de Buño nun acto en que tamén interviron por parte do Concello de Malpica de Bergantiños, Walter Pardo, a concelleira de Cultura e Olaría, Leticia García e de Turismo, Alfredo Cañizo, ademais da subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal.

O presidente en funcións, Xosé Regueira, defendeu a necesidade de reparar na olaría na súa condición de "sector económico, como pode ser o agrario, o forestal, o pesqueiro, o eléctrico ou calquera outro", neste sentido, considerou que a olería non é unha "peza de museo que se mire só con ollos de pasado" senón que debemos mirala "coa vista cravada no futuro e no horizonte".

Destacou, neste sentido, o "enorme potencial" dun sector que, segundo apuntou ten que volver a ser "un elemento fundamental para o progreso, o benestar e a creación de emprego" polo que é preciso implicarse na "innovación, na procura de novas formas, de novos usos e na aplicación da olería ás necesidades do mercado".

"Temos que conseguir que a olería de Buño lle dea valor engadido ao noso territorio; ao seu conxunto e a todos os produtos", anotou nunha intervención en que avogou por recuperar o uso cotiá das pezas de olaría, nos restaurantes do territorio ou nos petos de nenas e nenos. "Que impregne a nosa vida e sexa algo cotiá, estando presente con naturalidade nos escenarios en que nos movemos", dixo Xosé Regueira.

Lembrou Xosé Regueira que, para a Deputación da Coruña, considerou o "carácter singular de Buño como Pobo Oleiro" e apostou por reforzar esa identidade e singularidade coa compra, restauración e posta en marcha do eco-museo do Forno do Forte para o que se destinan 69.200 € ao Concello de Malpica de Bergantiños para as actividades que se desenvolven ademais do Forno da Costa, para o que se achegaron 86.000 € e o dos Mouróns, a ademais da colaboración na propia mostra que subvenciona con 80.000 € anuais.