Estás en:Novas

A Deputación anima a coñecer os concellos da Coruña en 52 plans de fin de semana

A iniciativa da área de Turismo convida a coñecer o territorio de maneira activa

A Deputación anima a coñecer os concellos da Coruña en 52 plans de fin de semana

'52 fins de semana na provincia da Coruña' é o título da campaña de promoción turística nas redes sociais que neste verán impulsa a área de Turismo da Deputación da Coruña, que dirixe o tamén vicepresidente Xosé Regueira. A iniciativa, que se dará a coñecer cada venres da semana, prolongarase ao longo de todo o ano con propostas para coñecer o territorio de maneira activa.

As redes sociais, de maneira especial facebook e instagram como máis acaídas para o obxectivo da iniciativa, acollen a campaña de promoción turística da Deputación da Coruña que ten como obxectivo ofrecer 52 plans de fins de semana para coñecer este ano os principais puntos de interese do territorio.

A campaña arrinca neste mes de agosto pero prolongarase ao longo de todo o ano, publicando cada venres unha información cun plan de fin de semana, tanto eventos como actividades, visitas ou rutas.

Contidos de promoción do patrimonio cultural, etnográfico e natural, eventos gastronómicos, culturais, festivos ou deportivos son algunha das temáticas que convidarán a persoa usuaria a coñecer de maneira activa o territorio da Coruña.

Tanto no 'muro' de ambos perfís como en 'historias' de faceboo e instagram, cada venres desde este agosto ata o de 2020, iranse desvelando os distintos plans como propostas turísticas para a escapada da fin de semana.

A iniciativa botou a andar nesta primeira fin de semana de agosto tendo como protagonista o festival de arte urbana Desordes Creativas de Ordes.

Entra nos nosos perfís, séguenos e comparte a túa experiencia co hashtag #52findes

fb @Turismodac
instagram @dacturismo

Páxinas suxeridas