Estás en:Novas

A Deputación da Coruña estudará novas vías de colaboración coa Asociación Provincial de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil

O deputado Blas García defende a formación como clave para mellorar o seu traballo

A Deputación da Coruña estudará  novas vías de colaboración coa Asociación Provincial de Voluntarios e Voluntarias  de Protección Civil

O responsable provincial da área de Promoción Económica e Asistencia a Municipios, Blas García Piñeiro, tivo hoxe a primeira toma de contacto coa Asociación Provincial de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil para coñecer as súas necesidades e demandas, así como analizar o sistema de subvencións e axudas que se destinan ás agrupacións da provincia.


Á reunión, ademais do deputado Blas García, asistiron a secretaria da asociación, Oliva García, e os asesores Luis Barca e Ramón Pérez Barrientos, que puxeron sobre a mesa os principais temas que afectan á asociación. Entre eles, e de maneira especial, na xuntanza valorouse a necesidade de estudar a posibilidade de modificar os criterios das subvencións, e poder incrementalas ata os concellos de menos de 50.000 habitantes, xa que a natureza das agrupacións de voluntarios e voluntarias é a mesma, e prestan os mesmos servizos.


O deputado provincial, Blas García, destacou a necesidade de "poñer en valor o labor que realizan os voluntarios e voluntarias desta asociación" na que colaboran máis de 2.000 persoas a través das 72 agrupacións da provincia da Coruña participando en operativos que van desde eventos deportivos, culturais e musicais, ata accidentes de tráfico, busca de persoas desaparecidas e incendios, sempre colaborando cos corpos profesionais de emerxencias.


Desde o ano 2017 que se puxeron en marcha as subvencións dirixidas a Agrupacións ou Asociacións de Agrupacións de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de concellos de menos de 20.000 habitantes a institución provincial repartiu uns 280.000 euros que se destinaron a investimentos tendentes a impulsar o mantemento e reforzo dos servizos de atención á cidadanía.

Así mesmo, na reunión acordouse estudar a posibilidade de colaborar coa Asociación Provincial, e incluso coa Asociación Nacional de Protección Civil apostando pola formación dos voluntarios e voluntarias da provincia, tendo en conta que formación é unha das claves nas que hai que traballar para que os e as voluntarias estean preparadas para atender aquelas emerxencias e operativos para os que se requira a súa presenza.

..