Estás en:Novas

Os autores Alberto Vázquez e Martín Romero gañan os Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña

O xurado destaca a altísima calidade das obras premiadas de autores con traxectorias moi recoñecidas

Os autores Alberto Vázquez e Martín Romero gañan os Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña

Alberto Vázquez con "A Caza" na categoría xeral e Martín Romero con "Uxío" na infantil e xuvenil son os gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. A convocatoria chega así á súa décimo cuarta edición e, por vez primeira, concede o premio na modalidade de infantil e xuvenil.

Dous autores de traxectoria xa moi recoñecida son os gañadores da nova edición do Premio Castelao de Banda Deseñada que esta mañá decidiu un xurado presidido polo deputado da área de Cultura, Xurxo Couto, e composto por Gema Sesar, Kiko da Silva, Antonio Navarro Santalla, Oliver Añón e Albert Monteys ademais da xefa do Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat que actuou como secretaria. O premio está dotado con 6.500 euros ademais da publicación da obra.

O premio na categoría xeral recaeu en Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), un dos máis recoñecidos autores do panorama galego, gañador, entre outros recoñecementos, de tres Premios Goya, por "Birdboy", "Psiconautas" e "Decorado".

O xurado destacou a calidade da súa obra "A Caza" que, segundo destacou, goza dun "grafismo moi sólido realizado con técnica do sumi-e con tinta chinesa". "Crea un mundo propio e persoal a través dun debuxo expresivo que xera unha unidade narrativa con imaxes que se manteñen na retina do lector".

Alberto Vázquez é director de animación, ilustrador e debuxante de cómics con libros editados en España, Francia, Italia, Brasil e Corea e ilustracións publicadas en medios de todo o mundo. Escribiu e dirixiu curtas como "Birdboy", "Sangre de Unicornio" ou "Decorado", baseados nos seus cómics. Ademais dos tres premios Goyas, Alberto Vázquez obtivo máis de 100 premios internacionais, entre eles, o do Festival de Annecy, Chicago, Premios platino, Foyle (preseleccionado para os Óscar), Expotoon ou Meliés de prata. As súas obras foron exhibidas en prestixiosos festivais de todo o mundo como Cannes, EFA Award, Toronto, Annecy, Clermord-Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance. Vén de rematar a súa primeira longametraxe de animación "Psiconautas, os nenos esquecidos", do que é director, guionista, director de arte e baseado na súa novela gráfica do mesmo nome.

Primeira vez do infantil e xuvenil

A edición deste ano do Premio Castelao de Banda Deseñada ten unha importante novidade xa que, por vez primeira se concede a modalidade para público infantil e xuvenil, creada hai tres edicións pero deserto nas anteriores convocatorias. Desta volta, o xurado decidiu outorgar o premio á obra "Uxío" de Martín Romero (Boiro, 1981) da que destaca as "posibilidades narrativas do medio, dun xeito diverso e interesante". Tamén fai referencia ao "uso humorístico, divertido, adaptado á idade, cunha filosofía sobre a vida e a cotidianeidade dun xeito lixeiro e poético". Ademais, sinalan que a obra ten un transfundo reflexivo moi interesante para o público infantil e xuvenil" .

Martín Romero é ilustrador, autor de cómics e director de animación, disciplinas que combina para desenvolver os máis diversos proxectos.

Como ilustrador realiza traballos que van desde o ámbito publicitario até o editorial. Os seus cómics "Las fabulosas crónicas del ratón taciturno" (2011), Episodios Lunares (2015) e "La deuda" (2017). Martín Romero acaba de dirixir a súa primeira curtametraxe de animación titulada "La noche".

O deputado da área de Cultura, Xurxo Couto, destacou a altísima calidade das obras presentadas e, en concreto das gañadoras, con autores "de xa moito recoñecemento nun sector que ten na nosa cultura un amplo xa conxunto de nomes de moitísima relevancia nos que se atopan Alberte Vázquez e Martín Romero".

Páxinas suxeridas