Estás en:Novas

Xosé Regueira defende o dereito á cultura en todo o territorio na presentación do festival Castelo Conta

A Deputación da Coruña apoia o evento dirixido por Xosé A. Touriñán

Xosé Regueira defende o dereito á cultura en todo o territorio na presentación do festival Castelo Conta

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou, xunto co director Xosé A. Touriñán e o alcalde de Culleredo, Xosé Ramón Riobóo na presentación da quinta edición do festival Castelo Conta que se desenvolverá dos días 19 ao 24 de agosto. Na súa intervención, Regueira defendeu o dereito á cultura de todas as persoas e en todo o territorio, desde as cidades ás aldeas.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou, xunto co alcalde de Culleredo tamén deputado, José Ramón Rioboo, na presentación do festival Castelo Conta que dirixe o actor natural da parroquia, Xosé A. Touriñán, e que ofrecerá durante cinco días un amplo programa de actividades para todos os públicos, con apartados especiais para as crianzas e para maiores que participan contando as súas historias.

A veciñanza do Castelo encheu o local social da parroquia para participar na presentación dun festival que se desenvolverá nas distintas aldeas e inclúe a participación de monologuistas como Carlos Blanco, Avelino González, Celso Sanmartín, Lucía Veiga, Federico Pérez, Pepo Suevos e moitos outros nomes da narración oral ademais de músicos como Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Sito Sedes ou Pablo Díaz.

Na súa intervención, Xosé Regueira defendeu "o dereito á cultura en todo o territorio e para todas as persoas" polo que aplaudiu que unha parroquia coma O Castelo poida acoller un festival dunha grande dimensión como o que dirixe Touriñán, a quen recoñeceu "que, despois de ser famoso e converterse nunha das caras máis coñecidas da escena galega non esqueza o lugar do que provén e contribúa cunha iniciativa como esta a relacionar a súa traxectoria coa súa parroquia".

Xosé Regueira destacou que un dos obxectivos da institución é, precisamente, eliminar as desigualdades que existen entre o rural e o urbano e promover que "en lugares pequenos poidan desenvolverse proxectos grandes como este Castelo Conta e tantos outros que non só teñen que ter como escenario as cidades". Neste sentido referiuse en concreto ás dúas liñas de apoio a festivais, un para os organizados por entidades e outro por concellos, aos que a área de Cultura da Deputación destina na edición deste ano máis de un millón de euros.

O alcalde de Culleredo e tamén deputado, José Ramón Riobóo, fixo fincapé na relevancia dun festival que "sitúa Castelo no mapa" de eventos culturais e, ademais de agradecer o compromiso de Xosé A. Touriñán, recoñeceu a implicación da veciñanza da parroquia na organización das actividades que se prolongan desde o 19 ao 24 de agosto.

No acto, Xosé A. Touriñán deu a coñecer o programa desta nova edición do festival que inclúe apartados como "Xente miúda do Castelo Conta", "Contos de Castelo", "Os seráns do Castelo Conta" ademais de concertos, verbena, sesións vermú de contadas, un espectáculo de monologuistas ademais dunha andaina e unha churrascada.

O programa pódese consultar na seguinte ligazón: https://www.facebook.com/casteloconta/

Páxinas suxeridas
..