Estás en:Novas

Máis de medio cento de obras optan á nova edición do Premio Torrente Ballester en galego

"900" de Xabier López, gañadora da edición anterior, xa está nas librarías

Máis de medio cento de obras optan á nova edición do Premio Torrente Ballester en galego

Un total de 56 obras son as presentadas á nova edición do Premio Torrente Ballester en galego da Deputación da Coruña que se resolverá no próximo outono. O premio, dotado con 25.000 € e a publicación da obra, recaeu na pasada edición na novela "900" Xabier López titulada "900" que vén de chegar ás librarías.

A novela gañadora do XXX Premio Torrente Ballester de narrativa en galego chega neste verán ás librarías, editada nesta edición por Galaxia, coas páxinas que anunciaba no seu título: "900". A novela de Xabier López publícase despois de se pechar o prazo de admisión da nova convocatoria do certame ao que finalmente se presentaron 56 obras en lingua galega.

A obra de Xabier López fora definida polo xurado do premio da Deputación da Coruña como unha "gran novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor" ademais de "novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século".

Xabier López gañou o Premio Torrente Ballester en galego na terceira edición en que se de forma independente a modalidade para obras en galego e en castelán. Nas anteriores edicións Eli Ríos con Luns (Xerais) e Antonio Piñeiro con A través do fume (Galaxia) fixéranse co galardón mellor dotado economicamente da literatura galega cun premio de 25.000 € máis o compromiso da publicación.

O escritor Xabier López naceu en Bergondo (1974) e reside no concello de Betanzos. Licenciado en Dereito, o autor conta cunha ampla e recoñecida traxectoria literaria centrada de maneira especial na novela aínda que tamén visitou o relato e o conto infantil.

Case vinte títulos compoñen a súa bibliografía que se inicia en 1997 coa obra Biff, Bang, pow! (novela case negra). Títulos como Doutor Deus, O caderno, O mono no espello, A estraña estrela, A vida que nos mata, Trinta e dous dentes, Os libros prestados, Cadeas, Olympia Ring, O home que sabía voar, Os tres desexos ou O segredo da vella librería son algunha das obras da súa traxectoria literaria.

O Torrente Ballester da Deputación da Coruña, do que o autor fora xa finalista en 2007, súmase á ampla relación de premios recibidos por Xabier López entre os que se atopan o Risco de Literatura Fantástica, o Manuel Lueiro Rey de novela curta, o García Barros, o Premio Xerais de Novela, o Frei Martín Sarmiento, ou o Fervenzas Literarias.

O xurado estivo composto por nomes recoñecidos do ámbito literario galego como Marica Campo, Ana Luna, Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición do premio coa súa obra "A través do fume", ademais de Goretti Sanmartín Rei e Mercedes Fernández Albalat como presidenta e secretaria do xurado en representación da Deputación da Coruña.