Estás en:Novas

A élite do surf mundial dase cita esta semana en Pantín (Valdoviño)

Hoxe presentouse a 31ª edición do Pantín Classic- Abanca Galicia Surf Pro

350 surfistas dos cinco continentes participan no Pantín Classic, que forma parte do circuíto da World Surf League e que espera congregar a máis de 35.000 persoas durante esta semana

A élite do surf mundial dase cita esta semana en Pantín (Valdoviño)

A praia de Pantín, en Valdoviño, acolle dende hoxe a trixésimo primeira edición do Pantín Classic- Abanca Galicia Surf Pro, o campionato de surf máis antigo e internacional de cantos se celebran en España, que ademais forma parte do circuíto da World Surf League (WSL), o que fai que durante esta semana a comarca de Ferrolterra reciba a algunhas das principais estrelas do surf procedentes dos cinco continentes e a miles de visitantes que se achegan a esta praia para seguir en vivo as evolucións dos seus ídolos sobre as ondas do Atlántico.

O evento foi presentado esta mañá nun acto que contou coa asistencia do conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Valdoviño, Alberto González, e a deputada provincial responsable da área de Benestar Social e Educación, Ana Lamas Villar, entre outras autoridades e representantes das diferentes marcas comerciais que patrocinan o evento.

Ana Lamas lembrou a longa traxectoria do Pantín Classic, co que a Deputación colabora dende 1991, e apuntou que se trata "dun dos maiores espectáculos do surf mundial" e que a cita "supón un excelente escaparate para promover esta comarca como un destino único para a práctica do surf".

A deputada destacou "o importante esforzo organizativo" que supón o evento e deu a benvida á provincia aos 350 surfistas de 31 nacionalidades, entre os que se atopan algún dos mellores do mundo, que durante a vindeira semana participarán nas diferentes probas

Ademais do seu compromiso coa promoción do deporte base, a Deputación da Coruña apoia tamén a celebración de grandes eventos deportivos coma este, que supoñen un importante retorno económico e unha proxección internacional da imaxe da provincia.

Pantín, capital europea do surf

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, felicitouse de que a localidade sexa durante os vindeiros días "a capital europea do surf", cun evento que conta con máis de tres décadas de historia, nas que contou sempre co apoio dos veciños.

O rexedor valdoviñés destacou que se trata do primeiro evento de carácter deportivo declarado Festa de Interese Turístico en Galicia e que, "grazas a un traballo de moitos anos", o Pantín Classic Galicia Pro "sitúa a Valdoviño no mapa internacional do mundo do surf".

O Pantín Classic-Galicia Surf Pro abarca este ano ata tres modalidades (un dobre QS/10.000 e un CT de Longboard). Un evento único dentro dos que se disputan en Europa incluído no circuíto da WSL.

Páxinas suxeridas