Estás en:Novas

A Deputación remata as obras de ampliación e mellora da estrada do Parador de Muxía

Valentín González Formoso realizou hoxe unha visita institucional a Muxía, onde supervisou diversas obras acompañado do alcalde, Iago Toba Campaña, e do deputado de Vías e obras, José Manuel Pequeño

Destacou que a Deputación remata estes días os últimos detalles dunha "obra estratéxica para o futuro de Muxía", cun orzamento inicial de máis de 1 millón de euros para ampliar a estrada que dá acceso ao Parador de Turismo

A Deputación investiu tamén 534.000 euros na creación dun sendeiro peonil de 1,4 km para os centos de peregrinos que cada día transitan pola zona e dunha importante mellora da seguridade no acceso á praia de Lago

González Formoso e Toba estudan a colaboración de ambas institucións para mellorar o abastecemento de auga e o mantemento dos núcleos rurais do municipio

A Deputación remata as obras de ampliación e mellora da estrada do Parador de Muxía

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Muxía, onde foi recibido polo novo alcalde da localidade, Iago Toba Campaña, o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e os membros da corporación municipal.

Tras a recepción oficial na Casa do Concello, o presidente provincial, o alcalde e o deputado visitaron as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5201 de Muxía a Touriñán pola costa, que están xa a punto de rematar e que contaron cun orzamento de arredor de 1 millón de euros. Segundo informou o presidente só restan por instalar as biondas de seguridade e a nova sinalización vertical.

"É un investimento importante, un dos maiores de cantos estamos a realizar actualmente na rede provincial de estradas. Trátase ademais dunha obra estratéxica para o futuro de Muxía, pois ofrecerá un acceso digno a un equipamento importante como é o Parador de Turismo", apuntou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou tamén que supón "unha oportunidade para a creación de emprego, unha das liñas de traballo do goberno municipal de Iago Toba".

O alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou tamén a importancia e a necesidade destes traballos, que contribúen a mellorar as comunicacións do municipio e ao mesmo tempo poñen en valor a prolongación Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago, cada vez máis frecuentado por peregrinos chegados de todos os recunchos do mundo.

As obras supuxeron a ampliación da plataforma da estrada ata os 8 metros no tramo que discorre entre os puntos quilométricos 2+387 e 4+086, preto de 2 quilómetros de lonxitude que separan o remate do tramo xa ensanchado da estrada e o lugar de Lourido.

O novo vial conta cunha calzada de 7 metros e beiravías de 0,5 metros en ambas as dúas marxes, unha senda peonil de de 2 metros de ancho que discorre pola marxe dereita da calzada e que contribúe a mellorar a seguridade dos transeúntes e unha variante do trazado no lugar de Lourido, xa que as condicións que presentaba a travesía deste núcleo non eran as axeitadas para o tráfico rodado e peonil.

Formoso, Pequeño e Toba visitaron o novo miradoiro construído á altura do punto quilométrico 3+263, que conta con espectaculares vistas sobre a ría e dispón dunha pequena zona de estacionamento de vehículos.

Abastecemento de auga e melloras no rural

O alcalde muxián informou tamén que na reunión mantida esta mañá na Casa do Concello, solicitou a colaboración económica da Deputación para un proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga na zona que limita entre os concellos de Vimianzo e Muxía, para o que pedirá tamén a colaboración da administración autonómica, dado o alto custe do proxecto.

Toba lembrou que existe xa un proxecto destinado a financiar a instalación deste servizo básico nos núcleos rurais muxiáns de Agranzón, Casa do Monte, Castelo, Cebráns, Fonte Raposa, Fumiñeo, Gatarante, Merexo, Ozón, Peopombo, Quintáns, San Martiño, Suxo, Vilar de Sobremonte e Vilela, entre outros que suman unha poboación de máis de 1.000 habitantes e que beneficiará tamén a unha zona do concello de Vimianzo.

O alcalde agradeceu "a sensibilidade da Deputación" neste tema e destacou tamén que establecerá colaboración coa administración provincial para o mantemento dos núcleos rurais do municipio, en liña co compromiso do goberno provincial de apoiar o desenvolvemento no rural coruñés.

Sendeiro xacobeo e mellora no acceso á praia de Lago

O presidente, o deputado e o alcalde visitaron tamén o novo sendeiro xacobeo da localidade e a estrada municipal que dá acceso á praia de Lago e aos núcleos de Leis e Merexo, que foi ampliada e mellorada con fondos da Deputación da Coruña.

As obras supuxeron un importante investimento de 534.769,88 euros, dos que o 37% (200.000 €) foron achegados pola Deputación a través dun convenio de colaboración co Concello de Muxía e 295.598,35 € con cargo aos fondos do Plan Único (POS+2018). Os restantes 39.171,53 € foron financiados con fondos propios do concello.

O alcalde explicou que a estrada, cunha extensión total de 3,7 quilómetros de lonxitude, conecta o lugar dos Muíños coas praias de Lago e Leis, unhas das de maior afluencia de visitantes da comarca, e conta nas súas inmediacións con varios establecementos dedicados ao turismo e a hostalaría. Pola zona ademais transitan a diario centos de peregrinos, xa que o itinerario forma parte da ruta xacobea que desemboca no santuario da Virxe da Barca.

A zona conta cun novo sendeiro xacobeo de 1,4 quilómetros de lonxitude construído con lastros de formigón envellecido, cun acabado especial que reproduce a textura e aspecto do antigo pavimento románico, buscando a súa perfecta integración na paraxe rural na que se localiza.

A estrada tamén foi obxecto de melloras, ampliándoa ata os 5,50 metros de ancho e eliminando as numerosas elevacións, fochancas e desperfectos que tiña o pavimento e dotándoa dun novo firme, o que supón unha importante mellora para a seguridade do tráfico.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que as obras realizadas na zona "axudan a mellorar as comunicacións do municipio e, ao mesmo tempo axudan a pór en valor a prolongación Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago, cada vez máis frecuentado por peregrinos chegados de todos os recunchos do mundo".

Formoso destacou a importancia que, para proxectos coma este teñen os fondos do Plan Único, que cada ano destina uns 900.000 euros no municipio, e que permite aos concellos decidir en que queren investir os fondos que lles achega a Deputación, en función das súas necesidades.

Páxinas suxeridas