Estás en:Novas

Dodro rehabilitará as escolas unitarias da localidade con fondos do Plan Único da Deputación

Valentín González Formoso e Xabier Castro Tourís mantiveron o seu primeiro encontro oficial tras as eleccións municipais

A Deputación estudará a petición do alcalde de construír unha senda peonil na DP 3302 que comunique a Casa do Concello coa parte alta de Laíño, onde se sitúa a escola unitaria e o campo de fútbol de Chenlo

Dodro rehabilitará as escolas unitarias da localidade con fondos do Plan Único da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho da institución provincial ao novo alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís, no que foi o primeiro encontro oficial entre ambos os dous mandatarios tras as eleccións municipais de maio. Durante a reunión, o presidente e o alcalde abordaron diversas posibilidades de colaboración para a mellora das infraestruturas e servizos do concello.

O alcalde informou ao presidente de que o goberno municipal pretende destinar parte dos fondos do Plan Único deste ano "a iniciar un programa de rehabilitación e mellora dos edificios escolares do concello". "Garantir unha educación de calidade e servizos adecuados no rural é unha das nosas prioridades", afirmou.

"Este ano, investiremos arredor de 64.000 euros do POS+ en obras de mellora das escolas unitarias do Centro Rural Agrupado (CRA) e seguiremos acometendo este tipo de investimentos nos próximos anos para atender as necesidades dos nosos centros educativos", afirmou Xabier Castro, que destacou "a importante colaboración económica que o Plan Único supón para os pequenos concellos", permitíndolles programar os seus investimentos con tempo, ademais de ofrecer unha total autonomía á hora de decidir o destino dos fondos provinciais.

Mellora da seguridade peonil na DP 3302

Valentín González Formoso e Xabier Castro abordaron tamén un proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 3302.

González Formoso comprometeuse a remitir ao servizo de Vías e Obras para o seu estudo o proxecto do alcalde de construír unha senda peonil no tramo da estrada DP 3302 que conecta as inmediacións da Casa do Concello de Dodro coa parte alta de Laiño, onde se sitúa unha escola unitaria e o campo de fútbol de Chenlo.

O traxecto, cunha lonxitude aproximada de 1,7 quilómetros, permitiría facilitar a mobilidade e mellorar a seguridade nos desprazamentos a pé nunha zona moi transitada polos veciños, pois comunica distintos equipamentos e centros de uso público.

O alcalde solicitou tamén a colaboración da Deputación para a adquisición dun novo tractor destinado a adecentar e manter en boas condicións as estradas e camiños rurais do municipio.

Páxinas suxeridas