Estás en:Novas

A Deputación promove un mercado de produtos artesanais e ecolóxicos coruñeses no Festival de La Luz

O Mercado da Deputación volverá achegar ao público durante esta fin de semana os produtos tradicionais e artesanais de 36 empresas e entidades provincia da Coruña

González Formoso afirma que o evento supón "un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés"

A Deputación promove un mercado de produtos artesanais e ecolóxicos coruñeses no Festival de La Luz

Un ano máis, a Deputación da Coruña promove os produtos artesanais e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz, que se celebrará en Boimorto dende hoxe ata o domingo, 8 de setembro.

Un total de 36 empresas e asociacións coruñesas do ámbito da artesanía, a ecoloxía, a creación artística ou a innovación compartirán os 22 postos instalados pola Deputación no Mercado da Luz, unha área de 500 metros cadrados situada entre os dous principais escenarios do evento, onde se realizarán exposicións, presentacións e degustacións dos seus produtos.

Como en anteriores edicións, a Deputación reservará tamén un posto propio para publicitar a provincia como destino turístico entre as miles de persoas que cada ano asisten ao festival.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que "ademais de terse consolidado como un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés no ámbito da artesanía, a creatividade e a innovación".

Produtos agroalimentarios e de agricultura ecolóxica, doces e conservas artesanais, olería, cestería e artesanía en pel e madeira, ourives e deseñadores de prendas téxtiles de carácter artesanal son algunhas das actividades que terán presenza neste atractivo Mercado da Luz, que complementa a ampla oferta cultural e lúdica deste evento.