Estás en:Novas

A Deputación da Coruña participa na nova iniciativa de intercambio de artes escénicas Camiño Escena Norte

A Deputación da Coruña participa na nova iniciativa de intercambio de artes escénicas Camiño Escena Norte

Residencias artísticas, circuíto de espectáculos, iniciativas de captación de públicos, intercambio de experiencias culturais, debates arredor da creatividade son algunhas das propostas do novo programa Camiño Escena Norte, un intercambio da cultura galega coa de Euskadi, Asturias e Cantabria a través do Camiño Norte no que participa a Deputación da Coruña.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou en Santiago na presentación do novo programa, Camiño Escena Norte que se desenvolverá do 22 de setembro ao 13 de outubro con espectáculos gratuítos, unha residencia artística que se iniciou o 2 de setembro, a "externalización de compañías galegas como A Panadaría e Boabab Teatro ademais de propostas para o debate arredor do ámbito escénico e para o encontro con novos públicos. A presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, o presidente do Consello Territorial da SGAE, Juan Rivas, e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, ademais de representantes das compañías implicadas interviron tamén na presentación.
A Deputación da Coruña participa neste novo programa promovido polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, que traerá varios espectáculos destas comunidades a territorio galego, e levará obras galegas a estoutras rexións seguindo o ronsel do Camiño Norte.

O deputado Xurxo Couto destacou na súa intervención as coincidencias da filosofía de Camiño Escena Norte coa política cultural desenvolvida desde a Deputación da Coruña. "en primeiro lugar, por se desenvolver no territorio, en concellos que, neste caso son atravesados polo Camiño Norte, extraordinaria vía de difusión cultural que nos permite aproveitar unha ruta histórica de incuestionábel valor se nos achega a concellos unidos por esa vía de comunicación nun encontro das artes escénicas galegas coas de Euskadi, Asturias e Cantabria, "nun intercambio sempre frutífero que beneficia tamén en canto externalización da nosa riqueza creativa, das propostas das artes escénicas de grandísima calidade como son A Panadaría e Boabab Teatro que presentarán fóra os seus espectáculos".

"Para nós é fundamental traballar man a man con entidades profesionais que coñecen e saben das necesidades e posibilidades para promover e afortalar a nosa cultura", sinalou, a respecto da colaboración, neste caso con Escena Galega, promotora do proxecto en Galiza.

A área de Cultura da Deputación da Coruña achega máis de 10.000 euros que se concretan no apoio directo ao programa Conexión Escena Norte de mediación arredor dos espectáculos que forman parte do itinerario con dous tipos de actividades, obradoiros "DE 1.000 PALABRAS" de achegamento previo ao público dos espectáculos e tamén os encontros posteriores titulados "Encontros nas estrelas".
Tamén participa en Escena Norte Idea, que inclúe actividades de reflexión arredor das artes escénicas, espazos de encontro e reflexión na que se inclúe a xornada Escena Norte Idea Carballo, encontro de dramaturgos e dramaturgas arredor das artes escénicas e diversidade cultural.

A Deputación apoia tamén Escena Norte Participa, como campaña de participación física e virtual con estratexias de fidelización do público e creación de comunidade, concurso de fotografía e, finalmente, Itinerario Constelación, funcións de artes escénicas que se desenvolverán 4 funcións de 4 espectáculos diferentes na provincia da Coruña.

O proxecto xa botou a andar o pasado luns 2 de setembro no Salón Teatro cunha experiencia de residencias de creación escénica baseada no intercambio entre compañías das catro comunidades participantes. Neste caso son a galega Urdime e a asturiana El Callejón del Gato, que están a desenvolver en coprodución un espectáculo orientado á primeira infancia, que xunta  a interpretación actoral, a manipulación e títeres e obxectos.

O vindeiro 22 de setembro comezarán as funcións ao longo do Camiño Norte até chegar a Santiago. Comeza ese día en Ribadeo, continúa en Mondoñedo, Lugo, Vilalba, Arzúa, Sobrado dos Monxes e remata en Compostela. Nestas localidades poderanse ver os espectáculos "Bojiganga" de Teatro del Cuervo; "Como cenizablanca sobre una hoguera", de La Tejedora de Sueños; "El viaje de Ulises", de Teatro Gorakada; "La Novia del Viento", de Ábrego Producciones; "Beatus, visiones del Apocalipsis", de Espacio Espiral; e "Sagartu" de Hika Teatroa. Todos de libre acceso ata completar aforo.

Mentres en territorio galego poderanse ver os espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: elas son Baobab Teatro, con "Luppo", e A Panadaría, con "Elisa e Marcela". Ademais, Contraproducións estará en residencia en Euskadi.

Haberá tamén máis actividades: o 9 de outubro, dentro do FIOT de Carballo terá lugar un encontro de dramaturgos/as das catro comunidades autónomas arredor das artes escénicas e a diversidade cultural. E tamén actividades de mediación arredor dos espectáculos para conectar co público, enriquecendo a experiencia espectáculo- espectador/a. Serán obradoiros previos de contextualización e encontros co público despois das funcións.

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión. Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

O proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia a través de AGADIC, canda as deputacións da Coruña e Lugo e a Fundación SGAE.

Páxinas suxeridas