Estás en:Novas

Valentín González Formoso e Marián Ferreiro estudan melloras na rede de estradas da Deputación en Narón

O presidente da Deputación e a alcaldesa mantiveron a súa primeira reunión tras as eleccións municipais

A alcaldesa solicita proxectos de mellora nas estradas de San Xiao e O Feal e reparación de beirarrúas en vías urbanas

González Formoso visitará Narón para coñecer in situ os proxectos solicitados pola alcaldesa

Valentín González Formoso e Marián Ferreiro estudan melloras na rede de estradas da Deputación en Narón

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe no seu despacho da institución provincial coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, no que foi o primeiro encontro oficial entre ambos mandatarios tras as eleccións municipais de maio. Na reunión participou tamén o concelleiro de Obras, Pablo Mouriz.

A alcaldesa enmarcou a visita como "unha primeira toma de contacto para abordar proxectos e expor algunhas necesidades de Narón en materia de mellora de estradas". Neste sentido, destacou dous proxectos nos que o goberno municipal ten especial interese para levar a cabo neste mandato: a ampliación e mellora da seguridade das estradas de San Xiao e O Feal.

Formoso interesouse polas características de ambos proxectos e a posible necesidade de actualización destes e comprometeuse a visitar proximamente Narón, acompañado dos técnicos provinciais, para valorar a súa viabilidade.

Ferreiro solicitou tamén o mantemento e reparación de beirarrúas en determinadas vías de carácter urbano coma a estrada da Gándara, a rúa Concepción Arenal, avenida Souto Vizoso e avenida de Santa Icía, así como na posibilidade de transferir a súa titularidade ao concello ao longo do presente mandato.

González Formoso comprometeuse a trasladar a petición ao Servizo de Vías e Obras e afirmou que a solicitude de cesión será tida en conta dentro do paquete de transferencias de vías que o servizo de Vías e Obras prepara en diversos concellos da provincia.

Páxinas suxeridas