Estás en:Novas

A Axencia Enerxética Provincial da Coruña asesorará o Concello de Moeche en materia de aforro e eficiencia enerxética

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, asinaron un convenio que establece que a FAEPAC analizará as facturas eléctricas municipais e asesorará ao concello en todas as actuacións que desenvolva en materia enerxética

A Axencia Enerxética Provincial da Coruña asesorará o Concello de Moeche en materia de aforro e eficiencia enerxética

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará o Concello de Moeche en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcaldesa da localidade, Beatriz Bascoy.

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Moeche en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas nacionais e europeas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do Concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é "axudar aos concellos a aforrar na factura eléctrica", que para algúns municipios do ámbito rural supón xa a maior partida do gasto corrente.