Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e A Cuarta Parede conmemoran o 30 aniversario dun fito no cine galego

A Deputación da Coruña e A Cuarta Parede conmemoran o 30 aniversario dun fito no cine galego

Conmemorar o trinta aniversario de tres películas claves na historia cultural galega a través da nova creación é o obxectivo de "Cinegalicia 2019", unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña xunto coa revista A Cuarta Parede. Música, audiovisual, literatura ou artes plásticas dialogarán con Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, Continental, de Xavier Villaverde e Urxa de Alfredo G. Pinal e Carlos López Piñeiro cando se cumpren tres décadas dun fito que marcou a historia do cine galego.

En 1989, o evento Cinegalicia acolleu a estrea de Sempre Xonxa, Continental e Urxa, tres longametraxes de ficción que representaban, dalgún xeito, o momento inaugural da industria cinematográfica galega. Trinta anos despois, a Deputación da Coruña xunto coa revista especializada A Cuarta Parede presentan o proxecto Cinegalicia 2019, no que novas voces do cinema, a música, a crítica e as artes gráficas revisarán aqueles filmes en obras creadas para a ocasión. A vontade de Cinegalicia 2019 é aproveitar a efeméride para poñer en valor os enfoques artísticos e vitais de creadoras galegas nacidas daquel ano en diante e facer dialogar o cinema con outras disciplinas. Os traballos presentaranse publicamente no mes de decembro.

"Trátase dunha iniciativa que quere conmemorar un momento inaugural na industria cinematográfica galega contemporánea que está a vivir neste momento un tempo de especial creatividade, con nomes do que se denominou o Novo Cinema Galego e que teñen, en boa medida, aos creadores destas tres películas como referente", destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto sobre esta iniciativa que a Deputación da Coruña promove coa produción da revista A Cuarta Parede. Couto fai fincapé tamén no interese de que "sexan tamén nomes relevantes da nova creación cultural galega quen desenvolva este diálogo que dará como resultado novas creacións con identidade propia".

Deste xeito, no mes de decembro verán a luz carteis, críticas, composicións musicais e pezas cinematográficas que retoman as películas dirixidas por Chano Piñeiro, Xavier Villaverde, Alfredo G. Pinal e Carlos López Piñeiro. Dende o ámbito cinematográfico, participan en Cinegalicia 2019 Adrián Canoura (premiado en Filmadrid ou o Festival de Cans por obras de etnografía experimental como Caerán lóstregos do ceo), Lara e Noa Castro (videoartistas que teñen participado en festivais como (S8) ou Crater-Lab) e Iria Silvosa (realizadora e montadora en filmes como A estación violenta, de Anxos Fazáns). A parte musical de Cinegalicia 2019 correrá a cargo da vocalista e multiinstrumentista Elba Souto (que vén de debutar en solitario co sinxelo de pop electrónico "Hurt"), a banda Oh Ayatollah (un dos expoñentes máis significativos do pop en galego recente) e Charles Rapante (produtor e compositor membro de bandas como Contenedor de Mierda ou Os Vacalouras), que contará coa colaboración da cineasta e música Anxos Fazáns.

No seu carácter interdisciplinar, as creacións do proxecto de A Cuarta Parede recollerán tamén figuras das artes gráficas galegas da actualidade, que elaborarán novos carteis para Sempre Xonxa, Continental e Urxa. Neste caso as participantes, vinculadas tamén ao mundo da autoedición serán Julia Huete (artista que traballa a abstracción dende a colaxe, a costura ou o debuxo), Montes Piñeiro (que combina a súa formación de escenógrafa coa ilustración, a fotografía e a escultura) e Pepa Prieto Puy (deseñadora e autora de banda deseñada que ten publicado no New Yorker), ademais de Roberta Vázquez, ilustradora e autora tamén de cómic (con traballos para El Jueves, Mongolia, El País ou VICE) que se encarga da imaxe do evento.

Ademais de revisar os filmes dende a creación de novas obras artísticas, Cinegalicia 2019 recolle tamén o labor de A Cuarta Parede como revista cinematográfica en lingua galega para promover novas análises daquelas películas. Deste xeito, o proxecto tamén incluirá cinco textos críticos, realizados por Jesús Silva (editor de A Cuarta Parede e colaborador en medios internacionais como Cineuropa ou FRED Film Radio), Anxo F. Couceiro (xornalista especializado en cultura, tendencias e crónica social publicado en El País, Pronto ou Lecturas), Clara Coira (participante do colectivo 'A outra mirada: cinema e muller', crítica e cineasta), Laura Ramos (xornalista e poeta autora do libro A situación actual) e Sara Donoso (doutora en Historia da Arte, crítica e xestora cultural).